COMEZA A ORGANIZACIÓN DO COCIDO 2017

COMEZA A ORGANIZACIÓN DO COCIDO 2017
Mércores 19 de Outubro de 2016 - -O alcalde e o concelleiro de Turismo mantiveron unha reunión con representantes da hostalaría na que se abordaron diferentes cuestións relacionadas co festexo gastronómico.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, mantiveron unha reunión no consistorio con representantes do sector hostaleiro do concello, a modo de arranque na organización da Feira do Cocido 2017. Como explica Vilariño, aínda que o Goberno xa mantivo varias reunións internas sobre o Cocido, agora comezan os contactos coa hostalaría, cun encontro que tivo como principais obxectivos avanzar na planificación do Mes e da Feira do Cocido e, sobre todo, escoitar as propostas e suxestións efectuadas polos representantes do sector, de cara a buscar unha organización conxunta e acordada das diferentes actividades.

A intención do Goberno -explicou- é seguir fortalecendo aquelo que se fai ben, pero ao mesmo tempo ser críticos e ir corrixindo todo o que pode ser mellorable, tentando, ademais, de aportar novidades”. Así, entre outras cuestións, ao longo da xuntanza cos profesionais da restauración tratáronse temas relacionados co desfile, co horario das actividades, co “pin” do Cocido e, en xeral, con todo o relacionado coa colaboración da hostalería no desenvolvemento da Feira.

Francisco Vilariño tamén aproveitou para anunciar que nos próximos días se celebrará unha nova xuntanza, desta vez con todos os profesionais da restauración participantes nas diferentes actividades de difusión e promoción do Cocido de Lalín, así como con técnicos, empregados municipais etc. O edil lembrou que o “Cocido a nivel turístico é o gran embaixador de Lalín no exterior, polo que as actividades ao seu redor se estenderán durante varias semanas tratando de alcanzar a máximo beneficio para Lalín”.

Roteiros de Lalín