A CONCELLERÍA DE TURISMO CONTINÚA DIFUNDINDO OS RECURSOS TURÍSTICOS DE LALÍN COA PUBLICACIÓN DUNHA SERIE DE CARTEIS DIVULGATIVOS

A CONCELLERÍA DE TURISMO CONTINÚA DIFUNDINDO OS RECURSOS TURÍSTICOS DE LALÍN COA PUBLICACIÓN DUNHA SERIE DE CARTEIS DIVULGATIVOS
Xoves 22 de Decembro de 2016 - A iniciativa enmárcase dentro da campaña “Lalín, un interior único” e ten a intención de seguir promocionando de forma activa as riquezas e encantos locais. O material pretende ter o máximo alcance, polo que se fará chegar ao público, entre outro modos, a través do bus do Cocido.

O concellería de Turismo do Concello de Lalín vén de sacar á luz unha nova serie de carteis promocionais do municipio, que se enmarcan na campaña turística posta en marcha no último trimestre do ano baixo o lema “Lalín un interior único”. Este novo material divulgativo de Lalín súmase ao xa publicado durante os últimos meses, co obxectivo de dar a coñecer e difundir de forma activa as riquezas e encantos locais, para tratar de atraer potenciais visitantes e, por extensión, dinamizar a economía lalinense.

En total realizouse unha tirada de 15 mil exemplares, con 6 modelos diferentes, tal e como informou o edil de Turismo, Francisco Vilariño. Os cartaces teñen unhas medidas de 50x70 centímetros, o que os fai visibles e chamativos, pero ao mesmo tempo funcionais e manexables. Están compostos por fotografías de gran calidade tomadas por diversos autores. Algúns confórmanse dunha soa imaxe e outros están deseñados mediante composicións ao estilo collage. Todos eles toman como referencia tanto recursos urbanos de relevancia(Castro tecnolóxico, Quilómetro cero, Paseo do Pontiñas), como rurais e naturais ou culturais de especial beleza e interese turístico (Casal de Chedas, Fervenza da Devesa de Bustelos, Mouriscade, Pazo de Liñares etc.). Todos os modelos levan impresa a nova consigna da campaña de Turismo, “Lalín, un interior único”.

Vilariño indicou que “este novo material pretende ter a máxima difusión, polo que vai ser distribuído a ampla escala nas diferentes actividades que organice a concellería de Tursimo, así como no Concello ou na Oficina Municipal de Turismo, de modo que calquera cidadán poida facerse facilmente cun exemplar”. Tamén van estar presentes no bus promocional do Cocido de Lalín, que se desprazará para difundir o festexo gastronómico a diferentes cidades e vilas, tanto galegas como do exterior. 

Roteiros de Lalín