LALÍN ACOLLERÁ EN OUTUBRO A VISITA DE 10 INFLUINTES BLOGUEIROS, CO OBXECTIVO DE ALCANZAR A MÁXIMA DIFUSIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS DO CONCELLO NA REDE

Xoves 11 de Agosto de 2016 - Os expertos coñecerán aqueles espazos de maior valor, con especial atención ás potencialidades paisaxísticas, etnográficas e gastronómicas do municipio. Vilariño sostén que “a influencia dos bloggers do sector turístico é cada vez máis relevante, polo que estas estratexias son óptimas para poder obter éxito á hora de darnos a coñecer e acoller un maior número de visitantes”.

O Concello de Lalín, a través da concellería de Turismo, está a organizar a visita ao municipio de 10 dos blogueiros turísticos cunha maior influencia e de máis recoñecido prestixio do panorama actual. Así o vén de anunciar o edil de Turismo, Francisco Vilariño, quen explicou que esta iniciativa “ten como obxectivo difundir o concello de Lalín e os seus recursos, para alcanzar a súa máxima e máis óptima promoción a nivel turístico en redes sociais e, especialmente, nas bitácoras dixitais de cada participante, coa conseguinte repercusión que isto significará” -prosegue- “para o enriquecemento social, económico e cultural do noso concello”.

O proxecto consistirá, pois, na organización e acollida dos citados blogueiros especializados en turismo durante unha fin de semana completa do vindeiro mes de outubro, convidándoos a coñecer os enormes intereses turísticos do concello de Lalín. Os expertos serán guiados por aqueles espazos e recursos de maior valor e máis susceptibles para a atracción de visitantes. Deste xeito farase especial fincapé nas potencialidades a nivel paisaxístico do municipio, que conta con algúns dos conxuntos naturais de maior relevancia de Galicia, así como na diversidade do rural, sen esquecer os atractivos do casco urbano, ao mesmo tempo que se dará mostra dos incomparables valores e propostas gastronómicas e etnográficas que agocha un concello con tantas posibilidades coma Lalín.

Francisco Vilariño sostén que “a influencia dos bloggers do sector turístico é cada vez máis relevante e as sinerxías que xeran cos axentes do sector a partir da difusión de contidos de calidade reflicten o auxe desta tendencia”. Porén, “a acollida de 10 persoas responsables doutros tantos blogs de viaxes de recoñecido prestixio e traxectoria a Lalín, permitirá facelos coñecedores, partícipes e difusores dos amplos recursos turísticos cos que contamos”. O edil tamén apuntou que, “tendo en conta o contexto de crise económica e social no que vivimos, é fundamental que a estratexia sexa diferente para poder obter éxito á hora de darnos a coñecer e acoller un maior número de visitantes”. Nesta liña, considera Vilariño que “os blogs de viaxes aportan unha visión creativa sobre destinos e produtos turísticos grazas a que xeran contidos orixinais, atractivos e de calidade baseados en experiencias auténticas, alcanzando así unha gran repercusión cuns custes mínimos”.

A concellería de Turismo contactará nas próximas semanas con establecementos do sector hoteleiro do municipio, buscando a mellor oferta calidade-prezo, para dar aloxamento aos blogueiros. Deste xeito, explica o concelleiro, “tamén queremos darlle unha fantástica oportunidade de promoción aos centros de hospedaxe da vila”.

Roteiros de Lalín