LALÍN PROMOCIONARÁ A FEIRA DO COCIDO EN PORTO, DENTRO DAS LIÑAS DE COLABORACIÓN CONXUNTA EN MATERIA TURÍSTICA

LALÍN PROMOCIONARÁ A FEIRA DO COCIDO EN PORTO, DENTRO DAS LIÑAS DE COLABORACIÓN CONXUNTA EN MATERIA TURÍSTICA
Xoves 3 de Novembro de 2016 - Rafael Cuíña mantivo unha reunión co presidente da Cámara Municipal de Porto para estudar liñas de colaboración en materia turística con interese especial na difusión do Cocido.

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mantivo onte un encontro co presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Moreira, que tivo como punto central o de avaliar diferentes liñas de colaboración en materia turística entre ambos municipios, con especial interese no relacionado coa Feira do Cocido. Así, como adiantou o rexedor lalinense, chegouse a un acordo para que a próxima edición da Feira, que se celebrará o 19 de febreiro do próximo ano, sexa promocionada na que é a segunda cidade máis importante de Portugal. Como explicou Cuíña, está previsto que a difusión en Porto se realice seguindo a fórmula do Cocido en Ruta posta en marcha na pasada edición do Cocido, mediante a que un autobús ao estilo inglés se desprazará á cidade portuguesa, ademais de a outras localidades, dando a coñecer as excelencias de Lalín e da súa máis importante cita gastronómica. Na xuntanza Rafael Cuíña tivo a oportunidade de entregarlle ao presidente da Cámara Municipal de Porto algún detalle representativo de Lalín a modo de cortesía e convidouno a visitar o municipio, tendo en conta que as accións promocionais no ámbito turístico das que se falou teñen carácter recíproco.

Rafael Cuíña mostrouse especialmente agradecido co seu homólogo de Porto polo excelente recibimento pero, en particular, por ter lugar este encontro tan só un día despois de falecer o número dous da Cámara Municipal. O alcalde mostrou o seu fondo pesar por este suceso e expresou o seu máximo recoñecemento a Rui Moreira “pola deferencia que tivo comigo atendéndome de igual modo, no que é unha mostra máxima de respecto a todo o pobo de Lalín que non esquecerei”.

Aproveitando esta visita ao país veciño, Cuíña participou na localidade de Matosinhos na inauguración da Praza do Eixo Atlántico onde estivo acompañado doutros alcaldes de diferentes cidades e vilas galegas e portuguesas. 

Roteiros de Lalín