O CONCELLEIRO DE TURISMO COORDINA A COLOCACIÓN DE NOVA SINALÉCTICA NO CAMIÑO DE INVERNO

O CONCELLEIRO DE TURISMO COORDINA A COLOCACIÓN DE NOVA SINALÉCTICA NO CAMIÑO DE INVERNO
Luns 24 de Outubro de 2016 - Marcáronse todos os puntos nos que serán dispostos os novos sinais para que a sinalización quede o máis efectiva e recoñecible posible.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, estivo en distintas zonas do Camiño de Inverno ao seu paso por Lalín, acompañado dun técnico do Xacobeo e do presidente da Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago por Lalín-Deza, Emiliano García, realizando tarefas de coordinación para a futura colocación de sinaléctica ao longo do trazado. Como explicou o edil, tras solicitárselle a Turismo de Galicia en meses pasados a necesidade de colocar sinais, revisáronse todos os puntos nos que serán situados proximamente os postes de pedra coa sinalización xacobea oficial mediante os que se marcará a ruta. Deste xeito, na mañá de hoxe xa quedaron asignadas as posicións nas que se ubicará a sinalización para que esta sexa o máis efectiva e recoñecible posible. Esta información está agora en mans da Xunta, que será a administración encargada de adxudicarlle a unha empresa a creación e posterior colocación dos sinais nos lugares acordados.

Francisco Vilariño mostrouse moi agradecido con Emiliano García “polo seu inxente traballo e pola súa imprescindible axuda, non só neste proxecto de sinalización, senón por toda a colaboración que está a manter co Concello para a posta en valor do Camiño de Inverno”. Vilariño indicou que a deficiente sinalización da ruta era un das principais eivas do vieiro, de modo que a súa disposición mellorará substancialmente o trazado e servirá de acicate para a súa potenciación. Neste sentido lembrou que o Concello de Lalín “leva tempo traballando para poñer en valor e dar a coñecer unha ruta xacobea que conta cunha gran riqueza histórica, patrimonial e ambiental e que, ademais, está chamada a ser un importante polo de atracción de visitantes e, en consecuencia, un dos posibles eixes dinamizadores da economía do noso concello”.

Roteiros de Lalín