O CONCELLO ACORDA COS RESTAURADORES A ELECCIÓN DO “PIN DO COCIDO 2017”

O CONCELLO ACORDA COS RESTAURADORES A ELECCIÓN DO “PIN DO COCIDO 2017”
Mércores 16 de Novembro de 2016 - O deseño, escollido a proposta dos propios hostaleiros, toma como referencia unha figura da “Lalín Pork Art” creada polo artista Juan Carlos Platis. Agárdase que as insignias poidan comezar a distribuírse polos locais participantes no Mes do Cocido en decembro.

A 49ª Feira do Cocido de Lalín e o 19º Mes do Cocido xa teñen o deseño para a elaboración do seu “pin” conmemorativo. Así o anunciou hoxe o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, quen explicou que o modelo escollido para a insignia foi acordado entre o Concello e os restauradores lalinenses, a proposta destes últimos. “Porén” -explica- “tratouse dunha decisión que foi tomada indo da man, tal e como se comprometera dende o Concello e como tamén se fará con outras cuestións relevantes relacionadas coa organización da feira”.

Do mesmo xeito que se fixera o ano pasado, para a próxima edición da Feira do Cocido tomouse como patrón para a creación da insignia unha das obras da mostra “Lalín Pork Art”. Trátase dunha figura creada polo pintor e escultor vilagarcián, Juan Carlos Platis Cores, no ano 2009. O deseño final destaca pola súa afinada e harmoniosa fusión de motivos xeométricos e cores cálidas, con forte presenza de tons ocres e alaranxados que transmiten cercanía e, ao mesmo tempo, entusiasmo, vivacidade e alegría. Son estas unhas características que lle auguran -segundo explica o edil- “moito éxito a un dos principais e máis solicitados distintivos do Cocido de Lalín”.

Elaboraranse, como ven sendo habitual, miles de pins que acabarán sendo distribuídos na súa inmensa maioría entre os restaurantes que participan na 19ª edición do Mes do Cocido, que terá lugar do 15 de xaneiro ao 15 de febreiro. Deste xeito, cada comensal que se achegue neste período a degustar o prato estrela da nosa gastronomía recibirá unha destas pezas conmemorativas. Agárdase que as figuras, que representan a esencia do Cocido e realzan como en cada edición os valores gastronómicos do porco, poidan estar dispoñibles nos diferentes locais asociados durante o próximo mes de decembro.

Roteiros de Lalín