O CONCELLO DE LALÍN PON EN VALOR LIÑARES COA PRIMEIRA PUBLICACIÓN TURÍSTICA DE PROMOCIÓN DO PAZO

O CONCELLO DE LALÍN PON EN VALOR LIÑARES COA PRIMEIRA PUBLICACIÓN TURÍSTICA DE PROMOCIÓN DO PAZO
Luns 4 de Abril de 2016 - O tríptico é o primeiro dunha serie que servirá para difundir os grandes atractivos de Lalín entre os visitantes. Vilariño salienta o esforzo que se está a facer dende o Goberno local para que Liñares sexa un dos grandes referentes turísticos do concello.

O Concello de Lalín vén de tirar do prelo a primeira publicación turística específica sobre o Pazo de Liñares. Trátase dun tríptico cunha tirada de 4.000 exemplares no que se recollen as principais características e atractivos deste edificio do século XVII e que o Goberno municipal quere converter nun dos grandes referentes para a atracción de visitantes ao municipio. Esta publicación é, ademais, a primeira dunha serie de trípticos sobre a riqueza turística de Lalín e que permitirán que o Concello conte cun material de difusión turística de elevada calidade.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, salienta que “a rehabilitación do Pazo permitiu recuperar un inmoble dun indubidable valor histórico e arquitectónico, pero agora cómpre darlle a necesaria difusión para que a xente que vén de fóra e os propios lalinenses sexan conscientes do seu valor, do seu contido e de toda a súa actividade”. Esta publicación, a primeira de corte turístico que se dedica especificamente do Pazo de Liñares, vai permitir “dar un importante paso adiante neste obxectivo, xa que servirá para difundir este espazo dunha maneira clara e precisa”.

O tríptico, cun carácter moi visual e no que a fotografía cobra unha especial importancia, fai un percorrido pola historia do Pazo, dende a súa construción ata a súa rehabilitación. Tamén describe as súas principais características, así como a súa importancia social, artística e cultural na comarca do Deza e en Galicia. Ademais, refire cal é o equipamento sociocomunitario e cultural co que conta na actualidade, na súa función como colector de diversas iniciativas. Entre elas están o Museo Galego da Marioneta, o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico e outros espazos multifuncionais nos que se desenvolven actividades culturais, exposicións ou iniciativas formativas.

Para Francisco Vilariño o feito de contar con esta cómoda ferramenta de consulta “vai supoñer, sen lugar a dúbidas, un salto cualitativo na labor de difusión do Pazo, o que ademais estamos convencidos que tamén vai implicar un salto cuantitativo no número de visitantes”. Esta acción, por outra banda, vén complementar outras iniciativas que xa se puxeron en marcha para reforzar o papel de Liñares como punto neurálxico do turismo no concello. Neste obxectivo, o edil explica que “dende o Goberno municipal estamos a traballar en proxectos que tamén lle darán pulo a este inmoble”, como o de habilitar unha sala xacobea e unha sala dedicada a Joaquín Loriga, “que naceu precisamente neste Pazo”.

Francisco Vilariño lembra por último que dende o pasado mes de marzo Liñares ofrece un novo servizo especializado de guía co que non se contaba até o de agora. Esta nova función é posible grazas á incorporación dunha nova técnica titulada en Turismo que se incorporou ao posto a través dos contratos postos en marcha polo Concello mediante os fondos do Plan de Concellos da Deputación. Deste xeito, como explicou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, “increméntanse as prestacións e a calidade da oferta turística e cultural que ofrece Lalín e, en particular, este edificio señorial que se converteu nun dos principais atractivos do municipio”

Roteiros de Lalín