O CONCELLO DE LALÍN PON EN VALOR A REDE MUSEÍSTICA DO MUNICIPIO COA PUBLICACIÓN DUN TRÍPTICO INFORMATIVO

O CONCELLO DE LALÍN PON EN VALOR A REDE MUSEÍSTICA DO MUNICIPIO COA PUBLICACIÓN DUN TRÍPTICO INFORMATIVO
Luns 25 de Abril de 2016 - Trátase do segundo documento dunha serie publicacións coas que o Concello quere poñer en valor os seus principais recursos turísticos. Vilariño considera que “a posta en marcha desta nova ferramenta de consulta servirá para dar un paso adiante na difusión destes espazos culturais e para incrementar número de visitantes”.

O concello de Lalín acaba de sacar á luz a primeira publicación específica sobre a rede museística do municipio. Trátase dun tríptico informativo do que se realizou unha tirada de 5.000 exemplares e que lle dá continuidade á serie de publicacións que o Goberno de Lalín, a través da concellería de Turismo, está a crear para potenciar os seus principais recursos turísticos.

O tríptico recolle a historia, as máis importantes características, a información máis relevante e os principais atractivos do Museo Etnográfico Casa do Patrón, do Museo Municipal Ramón Mª Aller e do Museo Galego da Marioneta. Tamén contén información sobre as principais actividades que se realizan en cada espazo e sobre os servizos alternativos que ofrecen. Así mesmo, explica de maneira clara -mediante mapas de situación con múltiples referencias- como chegar a cada museo, co obxectivo de que os potenciais visitantes teñan as máximas facilidades á hora de acudir ás diferentes salas expositivas.

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, destacou a riqueza museística do concello de Lalín, sinalando, ao mesmo tempo, “que ata o momento a rede de museos non contaba cos métodos de difusión necesarios cos que dar a coñecer o seu valor”. Polo tanto, asegura que a primeira publicación de corte turístico sobre os museos do termo municipal de Lalín “servirá para que os turistas e os propios lalinenses poidan coñecer e valorar máis estes magníficos espazos de divulgación cultural”. Vilariño tamén considera que “a posta en marcha desta nova ferramenta de consulta servirá para dar un paso adiante na difusión destes espazos e, polo tanto, para facer medrar o número de persoas que se acheguen a desfrutar das súas exposicións, contidos e actividades”.

O tríptico segue a estrutura e o deseño do publicado nas pasadas semanas sobre o Pazo de Liñares, tendo un carácter moi visual e sendo un recurso turístico moi manexable debido ao seu tamaño. O documento será distribuído de maneira ampla nos propios museos, na oficina de turismo e en diferentes edificios municipais. Tamén pode ser descargado de internet con facilidade e de modo totalmente gratuíto, mediante o escaneado do seu código QR. Ademais, estará á disposición de todos os establecementos de Lalín que desexen contar con el ou expoñelo. Para facerse cunha serie, non os interesados non terán máis que solicitalos no concello.

Roteiros de Lalín