O CONCELLO DESCENTRALIZA A INFORMACIÓN TURÍSTICA CUNHA OFICINA MÓBIL QUE SE DESPRAZARÁ A DIFERENTES CIDADES E EVENTOS DE GALICIA DURANTE ESTE TRIMESTRE

O CONCELLO DESCENTRALIZA A INFORMACIÓN TURÍSTICA CUNHA OFICINA MÓBIL QUE SE DESPRAZARÁ A DIFERENTES CIDADES E EVENTOS DE GALICIA DURANTE ESTE TRIMESTRE
Luns 17 de Outubro de 2016 - A finais de outubro estará en Compostela, promocionando Lalín nun evento internacional canino que congregará a máis dun millar de persoas de 12 países. Francisco Vilariño enmarca esta iniciativa na súa aposta polas “políticas activas de turismo, nas que teñamos presenza onde haxa xente que despois poida vir a visitarnos”.

A Concellería de Turismo de Lalín vai iniciar este mes unha nova tempada de descentralización da información turística e promocional. “Farémolo”, tal e como explica Francisco Vilariño, “a través da Oficina de Turismo Móbil, mediante distintos desprazamentos a eventos e localizacións principais das cidades galegas”.

Neste trimestre, por exemplo, “Lalín terá presenza nun evento no que haberá máis de un millar de persoas procedentes de 12 países diferentes, ademais de participantes das distintas comunidades autónomas”. Trátase da 79 Exposición Nacional Canina CAC e 80 Exposición Nacional Canina CAC & 34 Exposición Internacional Canina CACIB, que se celebrará en Santiago de Compostela no recinto feiral de Amio os próximos 29 e 30 de outubro.

Francisco Vilariño indica que “malia tratarse dun evento específico, considerámolo moi importante para a difusión do noso concello polas distintas procedencias dos concursantes, así como pola enorme cantidade de visitantes que se achegan a contemplar unha competición na que se poden observar máis de 130 razas caninas”. Nesta liña, salienta que algúns dos participantes veñen dende Estados Unidos, Rusia, Bélxica, Francia ou Portugal. “Basicamente”, resalta o edil, “esta é a razón de tratar de promover as bondades de Lalín como destino turístico, gastronómico, natural e cultural nunha cita destas características”.

Non será a única ao longo do que queda de ano porque Francisco Vilariño xa anuncia que se está a xestionar a ubicación desta Oficina de Información Turística Móbil en distintas cidades de Galicia durante as fins de semana nos meses de novembro e decembro. Desta maneira poderase ofertar Lalín como complemento a visitas de cidades como poden ser A Coruña, Lugo, Ferrol ou Vigo “dada a nosa centralidade xeográfica e boa conexión por estrada”.

A concellería de Turismo prosegue, deste xeito, coa implantación das súas políticas activas de promoción, “un dos eixos fundamentais da nosa estratexia turística”. “Non podemos estar agardando a que a xente se achegue a nós”, insiste Vilariño, “senón que temos que ir alí onde hai xente para que coñezan os nosos atractivos e convidalos a vir a Lalín, Debemos, en definitiva, achegar Lalín a distintos colectivos e persoas que poidan converterse en potenciais visitantes da nosa vila”.

Por último, Francisco Vilariño quixo agradecer a colaboración e atención da Sociedade Canina Galega, que acollerá esta Oficina a derradeira fin de semana de outubro.

Roteiros de Lalín