O CONCELLO INCREMENTA EN 3 MIL EUROS A CANTIDADE DESTINADA AO REPARTO DE AXUDA ALIMENTARIA ÁS FAMILIAS CON ESCASOS RECURSOS POR NADAL

O CONCELLO INCREMENTA EN 3 MIL EUROS A CANTIDADE DESTINADA AO REPARTO DE AXUDA ALIMENTARIA ÁS FAMILIAS CON ESCASOS RECURSOS POR NADAL
Xoves 15 de Decembro de 2016 - Son en total 7 mil euros fronte aos 4 mil do ano pasado, mentres que o número de unidades familiares beneficiadas se mantén ou descende lixeiramente. Os beneficiarios deberán trocar os bonos no comercio local.

O Concello de Lalín vai dedicar este ano 7.000 euros ao reparto de axuda alimentaria destinada a familias con escasos recursos do municipio por Nadal. Así o vén de anunciar o concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, quen indicou que a cantidade económica que se empregará para esta iniciativa social se incrementou este ano en 3 mil euros con respecto ao anterior “o que pon de manifesto, unha vez máis, o forte compromiso deste Goberno polas persoas e polas políticas sociais, que son a nosa prioridade”.

O número de familias beneficiadas por esta iniciativa roldará as 200, un número similar ou lixeiramente menor ao do ano pasado, polo que isto, sumado á maior cantidade de diñeiro adicado á axuda, permitirá que as unidades familiares que forman parte deste programa social reciban unha maior prestación para a compra de alimentos.

O sistema de entrega de alimentos por Nadal ás familias con escasos recursos vai ser o mesmo que o ano pasado. Levarase a cabo a través da distribución de bonos canxeables por produtos frescos (carne, peixe, froita, verduras...), que as familias seleccionadas polos servizos sociais municipais deberán empregar no comercio local. Selecciónanse neste caso produtos frescos por ser moi consumidos nestas datas, ademais de que outras campañas solidarias de recollida alimentaria xa adoitan centrarse en produtos non perecedoiros. Con esta modalidade o Concello, ademais de contribuír a facilitarlle parte do alimento a familias con dificultades por Nadal, garante a privacidade e o anonimato absoluto dos beneficiarios e permite dinamizar o comercio de Lalín.

González Casares lembrou que este sistema se introduciu o ano pasado, “pois anteriormente mercábanse unhas cestas con alimentos que o concelleiro responsable ía entregando casa por casa”. “Coa actual modalidade”, indica, “evitamos que se repitan escenas deste tipo, xa que os políticos nos mantemos totalmente á marxe, respectando a intimidade e a dignidade das familias”.

Roteiros de Lalín