Saúdo do Alcalde

Benvidas e benvidos,

Lalín é o centro xeográfico e emocional desta terra que soñaron os nosos devanceiros e que nós temos a obriga de manter e mellorar para os nosos fillos. Esa é a nosa principal responsabilidade e a gran encomenda que nos fixeron os veciños desta vila: Lalín ten que regresar ao futuro e volver ser o Lalín das persoas que máis o necesitan.

Nese obxectivo, o goberno municipal estará sempre en primeira liña contra os poderes fácticos que pretendan pasar por riba dos intereses da xente. E todos vós, por suposto, debedes ser actores principais e protagonistas do cambio.

Podedes facelo, por exemplo, a través desta web, que ten vocación de informar e dar servizo, e que quere ser un instrumento esencial para acadar outro dos grandes obxectivos desta etapa: que Lalín volva ser unha referencia para o resto de Galicia, un concello próspero, activo, participativo, aberto e que teña a recuperación do rural como un dos seus eixos fundamentais.

Esta web, ao igual que o noso concello, quere ser tamén o centro neurálxico e virtual da nosa actividade, un lugar onde estar en contacto directo e permanente con vós, veciños, visitantes e amigos. Quere ser unha fiestra aberta pola que pase o aire limpo e fresco das vosas suxestións e pola que poidades mirar para estar informados, con toda transparencia e rigor, do que acontece no noso fogar común. 

Adiante todas e todos; estades convidados a pasar á que, dende agora, tamén é a vosa casa.

Benvidos a Lalín!

 

Rafael Cuiña

Roteiros de Lalín