Benvida do Alcalde

O CMUS Profesional de Lalín é a casa da música no municipio. Este fogar é ademais completamente acolledor e hospitalario, xa que todos os membros que compoñen forman unha gran familia, sólida e extensa.
O centro comezou a súa andaina ano 1992, polo que xa cumpre os 30 anos, o cal da conta da boa traxectoria seguida e da fonda profesionalidade do equipo.  Comezamos no Círculo Musical de Lalín con Tuno Valdés, Manuel Gómez, José Quintá ou Julio López, e durante todos estes anos, fomos ampliando infraestruturas e equipos ata chegar á situación actual. Hoxe en día contamos con grandes músicos e excelentes especialistas en cada unha das trece especialidades ofertadas, composta por catorce mestres que levan a cabo un traballo formidable. Temos a fortuna de dispor dun marabilloso cadro de persoal, e un alumnado cuantioso e dilixente, que sen dúbida serán o relevo xeracional deste gran proxecto.
O Conservatorio Profesional de Música de Lalín é canteira non só para a Banda de Lalín, senón que forma a músicos para toda a contorna. Do mesmo xeito, cómpre destacar que en Lalín somos unha gran referencia musical, proveendo de músicos a orquestras e conservatorios de índole nacional e internacional.
Que dicir da música!  unha arte milenaria que xera na maioría das ocasións unha flora de sentimentos en todas aquelas persoas que a escoitan, e nos aleda e acompaña tanto nos grandes instantes da vida como na cotiandade.
Facer mención ao público fiel que asiduamente acode ás actuacións. É un privilexio contar cunha nutrida afección que axuda a manter viva a esencia e o espírito, tan rexoubeiro como solemne da música.
Finalmente resaltar que o Concello de Lalín brindou ao Conservatorio de Música apoio durante todos estes anos, e que continuará a facelo dado o estupendo retorno que o Conservatorio de Música ten na veciñanza e na cultura da nosa vila.