- As pezas realizadas polas persoas participantes presentaranse nunha mostra no Museo Municipal o domingo 30 de novembro, coincidindo coa clausura da Bienal cunha derradeira visita guiada que terá lugar a partir das 19 horas
Onte á tarde, de 18:00 a 19:30 h, tivo lugar no Auditorio municipal a última das sesións do obradoiro de cerámica “Creando linguaxe de barro”, unha proposta novidosa impulsada desde a Concellería de Política Lingüística, Cultura e Educación. O taller, de carácter gratuíto, combina arte e lingua nun formato lúdico de iniciación á cerámica, achegando a artesanía á veciñanza.
Na sesión inicial do 19 de novembro as persoas participantes tiveron ocasión de realizar pezas sinxelas e utilitarias, incorporando palabras en galego ou elementos visuais inspirados no Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo, pezas que se levaron a cocer a un obradoiro local con forno cerámico. Nesta segunda e última sesión, levouse a cabo a decoración final e o esmaltado, que implicou a segunda cocción.
Mostra das creacións
Todas as creacións realizadas neste obradoiro de cerámica e lingua serán presentadas o domingo, 30 de novembro, nunha mostra que se realizará no Museo municipal. Con motivo da finalización da actividade e para valorar o conxunto de obras realizadas realizarase unha mostra cos resultados dos traballos que estará instalada segunda planta do Museo, un espazo dispoñible e que se presta para cuestións de formato reducido. Así todas as persoas participantes poden ver como quedan rematadas as súas creacións e dous outros compañeiros, xa que coa cocción varían moito os esmaltes aplicados.
Visita de clausura da Bienal
De igual modo posibilítase que un último grupo de persoas afíns ás artes poidan acudir á Bienal, para as que se fará unha derradeira visita guiada, xa para clausurar a mostra. A visita guiada dará comezo ás 19 h e, ao remate da visita, presentaranse as pezas realizadas no obradoiro de cerámica. Trátase de obras variadas entre as que se atopan unha cunca, pratos, pezas como bandexas de inspiración naturalista, placas con nomes, vasos pequenos... nas que plasmaron verbas en galego, entre elas adverbios como xacando ou xalundes e mesmo un poema de Cunqueiro.