- Estudantes do IES Ramón Mª Aller e do IES Laxeiro achegáronse á ciencia a través de sesións sobre estelas dobres, bólidos e meteoritos, auroras boreais e próximas eclipses visibles en Galicia, complementadas con observacións con telescopio que tiveron lugar no Museo Municipal Ramón Mª Aller
- Este tipo de iniciativas consolidan a Lalín como “Destino Starlight” e ofrecen á mocidade unha oportunidade única de achegarse á ciencia e ao universo
Desde finais de outubro e durante o mes de novembro co marco expositivo da Bienal Pintor Laxeiro “Paisaxes e sombras” tiveron lugar no Museo Municipal Ramón Mª Aller varias actividades astronómicas dirixidas a centros educativos ao abeiro da programación Lalín Starlight correspondente a este ano. Todas as actividades foron dirixidas polo catedrático emérito de Astronomía na USC, José Ángel Docobo, que é tamén o director científico do “Lalín Destino Starlight”. As actividades, con marcado carácter didáctico, e que espertaron elevado interese entre o alumnado, consistiron en charlas sobre conceptos astronómicos, sobre a historia de Ramón Mª Aller, o Observatorio Astronómico que creou en Lalín e que foi o primeiro de Galicia, etc., e tamén observacións con telescopio no Observatorio lalinense.
A última das actividades realizadas foi a sesión na que participaron alumnos/as do Club de Ciencias do IES Ramón Mª Aller Ulloa esta semana, na tarde/noite do mércores 26 de novembro. Foi unha interesante sesión astronómica dirixida por Docobo e por Luca Piccotti que guiaron aos asistentes nunha viaxe polo universo.
Dúas eclipses o ano que vén
A súa charla abordou desde a dinámica das estrelas dobres, os bólidos e meteoritos, ata o fenómeno das auroras boreais, lembrando aquela impresionante de 1938 que o padre Aller explicara polo miúdo á veciñanza de Lalín. Docobo tamén anunciou ao alumnado participante que o ano que vén se verán en Galicia dúas eclipses en agosto: unha total de sol e unha case total de lúa. A primeira delas está creando unha grande expectación sobre todo na banda en que será total, e que vai desde o norte de Galicia cara ao mediterráneo. Xusto na vila de Lalín non será completamente total, pero si que o vai ser nas parroquias do norte do termo municipal, en concreto, en Cercio.
Así mesmo o director científico do “Lalín Destino Starlight” tamén fixo fincapé no papel precursor de don Ramón Mª Aller de utilización da lingua galega na ciencia facendo a primeira publicación en galego nos Ensaios aparecidos entre 1931 e 1934 na revista LOGOS, unha vez que xa ingresara no Seminario de Estudos Galegos.
Tamén o Seminario de Estudos Galegos lle encargara a don Ramón Mª Aller un libro de divulgación en galego que ía levar por título “Astronomía a ollo ceibe”. Así o anunciou o xornal “El Compostelano” en maio de 1936. O dito libro nunca chegou a aparecer. En 1948 foi publicada “Astronomía a simple vista” en castelán. Pasado o tempo, en 2016, con motivo do 80 anos daquel anuncio do libro frustrado e tamén do 50 do pasamento do profesor Aller, editouse, a proposta do profesor Docobo a publicación en galego “Astronomía a simple vista” co título “Astronomía a ollo ceibe”. Foi unha colaboración Xunta-USC, cuxo produto final foi presentando en marzo de 2016 no Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC.
Ademais da charla, o alumnado do IES Ramón Mª Aller tivo a oportunidade na charla do pasado 26 de novembro de coñecer o telescopio do Observatorio e de recibir explicacións sobre o seu funcionamento.
En semanas anteriores, varios grupos do IES Laxeiro participaron tamén nestas charlas sobre astronomía impartidas polo profesor Docobo e o seu equipo, os días 27 de outubro, 11 e 14 de novembro, incluíndo actividades no Observatorio, enmarcadas na programación “Lalín Destino Starlight 2025”. Seguramente, para moitos rapaces/zas foi a primeira experiencia cun telescopio ao tempo que aprenderon moitas cousas de astronomía.
Iniciativas coma esta consolidan a Lalín como “Destino Starlight” e ofrecen á mocidade unha oportunidade única de achegarse á ciencia e ao universo.