- “Esperta o rinoceronte” é unha representación de títeres dirixida a un público infantil e familiar a partir dos seis anos, con entrada libre ata completar aforo
- Blanco remarca que “se trata dun primeiro paso nesa aposta por impulsar unha programación estable da Marioneta en Liñares, ao tempo que se traballa nos trámites para declarar o Museo como <colección visitable>”
Tal como acordaron a concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, cos representantes dunha vintena de compañías de monicreques con obra cedida para a exposición permanente do Pazo de Liñares nun encontro mantido hai unhas semanas, en relación á dinamización de Liñares como espazo referente da marioneta e ao desenvolvemento dunha primeira actividade de arranque de tempada, anúnciase que esta terá lugar o próximo sábado, 13 de decembro, ás 18 h.
Begoña Blanco avanza que “o 13 de decembro terá lugar a representación de <Esperta o rinoceronte>, un espectáculo de títeres, dirixido a un público infantil e familiar a partir dos seis anos, con entrada libre ata completar aforo”.
Trátase do primeiro espectáculo da compañía Nao Caracola que versa sobre unha historia que fala sobre a conciencia durmida, sobre a capacidade para mirar para outro lado. A música e unha voz en off actúan como narradoras, como fío condutor desta historia que é unha porta aberta á esperanza.
O protagonista Bambú leva unha vida apracible, goza da súa contorna, coñécea e por iso a ama. Isto ensinoullo a súa avoa, ela coñece ben o mundo, o seu mundo, convive con el, forma parte del e por iso cóidao. Ensina a Bambú que as cousas que realmente importan non sempre son as que brillan, que só vemos ben co corazón e que non importa o grande que sexa o obstáculo, sempre hai unha solución.
Ao remate do espectáculo, desenvolverase unha actividade sobre o proceso de produción do espectáculo a cargo da compañía de títeres, no que é unha proposta moi especial a nivel técnico, con pezas motorizadas que conviven con outras manipulativas, e que espertan o interese e o debate.
Blanco anima a participar “nesta actividade gratuíta de teatro de monicreques que trata de ser un primeiro paso nesa aposta por impulsar unha programación estable en Liñares como espazo referente da Marioneta”, ao tempo que se traballa nos trámites para declarar o Museo da Marioneta como “colección visitable” a fin de conseguir unha entidade propia e diferenciada para este espazo tan singular e identitario.