-
Segundo explicou o concelleiro durante a visita, trátase dunha obra de especial complexidade técnica debido ás características do terreo, moi pedregoso, o que obriga a empregar sistemas de perforación específicos
-
A intervención complétase coa instalación de tres depuradoras destinadas a prestar servizo ao conxunto dos núcleos desta parroquia, garantindo un tratamento axeitado das augas residuais que se xeran na zona
O concelleiro de Obras e Servizos, José Cuñarro, desprazouse ata a parroquia de Muimenta para supervisar o avance das obras de instalación dos novos colectores de saneamento que darán servizo aos veciños deste núcleo e da súa contorna inmediata. A actuación, executada pola empresa Prace e financiada integramente con fondos municipais, supón un dos investimentos máis relevantes na mellora das infraestruturas hidráulicas desta zona do termo municipal.
Segundo explicou o concelleiro durante a visita, trátase dunha obra de especial complexidade técnica debido ás características do terreo, moi pedregoso, o que obriga a empregar sistemas de perforación específicos. Para garantir o adecuado trazado da rede de colectores, está a ser necesaria a execución de dous topos ou perforacións dirixidas:
-
Un na zona da panadaría de Muimenta
-
E outro á altura do acceso ao auditorio parroquial.
Estes traballos permiten salvar os tramos de maior dureza xeolóxica, salvar o pado da N640 e asegurar unha correcta implantación das conducións.
NOVAS DEPURADORAS PARA MELLORAR O TRATAMENTO DAS AUGAS
A intervención complétase coa instalación de tres depuradoras destinadas a prestar servizo ao conxunto dos núcleos desta parroquia, garantindo un tratamento axeitado das augas residuais que se xeran na zona. Con esta dotación, o Concello avanza na modernización das infraestruturas e na protección do medio ambiente, ao tempo que responde a unha demanda histórica da veciñanza.
José Cuñarro subliñou que estas obras “reforzan o compromiso do Concello coa ampliación e mellora da rede de saneamento nas parroquias, garantindo servizos esenciais e de calidade tamén no rural”. O concelleiro incidiu en que o investimento municipal “permitirá ofrecer unha solución estable e eficiente para as necesidades actuais e futuras de Muimenta”.