Novas

Buscador de Contenidos

Formulario
O CONCELLO DE LALÍN ACTIVA O DISPOSITIVO FINAL PARA A APERTURA DAS ALDEAS DE NADAL 2025
  • O goberno municipal aproba a relación de empresas colaboradoras que farán posible o parque temático
  • A iluminación de Nadal acenderase mañá ás 19:00 h e procederase á estrea dos escaparates máxicos e o venres abriranse ao público as Aldeas de Nadal nun acto con  numerosas sorpresas e participación dun grupo de cativos.

Lalín dá o paso definitivo para converterse, un ano máis, no epicentro da ambientación festiva de Nadal centrada e dedicada aos nenos e as familias en Galicia. O Concello vén de aprobar a relación de empresas colaboradoras que, a través de convenios específicos, apoiarán a posta en marcha do parque temático das Aldeas de Nadal 2025.

A responsable de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, subliña que “as Aldeas de Nadal son un proxecto colectivo que combina identidade local, creatividade e unha poderosa capacidade de dinamización económica para Lalín”. Engade que “grazas ao compromiso das empresas colaboradoras e ao esforzo dos equipos municipais, este venres volveremos abrir un espazo único en Galicia, pensado para as familias, pero tamén para dinamizar o comercio e a hostalería e para encher de ilusión o centro urbano”.

As achegas económicas das entidades patrocinadoras que permitirán renovar e mellorar os contidos das principais aldeas do recintonavideños, son as seguintes:

  • Aldea de Papá Noel, con achega de 5.000 € por parte de Grupo Aurela SL.
  • Aldea do Apalpador, apoiada por Megodeza SLU cunha contía de 2.000 €.
  • Aldea dos Reis Magos, patrocinada por Tecglass SL con 3.000 €.
  • Aldea da Música, con apoio de Hermanos Toimil García SL por 2.000 €.
  • Tren Turístico, financiado por Disanfa SL cun importe de 1.500 €.

Tamén colaborarán con aportacións en especias á celebración do Nadal lalinense as empresas Autocares Meixide e Distribuciones Padín.

EXPERIENCIA INMERSIVA PARA OS MÁIS CATIVOS

Estes espazos temáticos, que mesturan tradición galega, personaxes universais e actividades creativas, conforman un itinerario deseñado para ofrecer experiencias inmersivas para os nenos que poden acceder a todas as casiñas dos recintos repartidos por todo o casco urbano. Desde a estética nórdica da Aldea de Papá Noel ata a atmosfera máxica dos Reis Magos, pasando polo carácter identitario da Aldea do Apalpador, cada área achega elementos diferenciados que consolidan a marca ‘Lalín, Capital do Nadal dos nenos’.

Segundo Fernández, “cada aldea está pensada para que os nenos e nenas sintan que entran noutro mundo: personaxes, decoración artesanal e unha narrativa propia. Queremos que as familias repitan, e que Lalín siga sendo un referente”.

ACENDIDO DO ALUMEADO E ESTREA DAS ALDEAS DE NADAL

O Concello confirma que mañá ás 19:00 horas terá lugar o acendido oficial da iluminación de Nadal, que este ano incorpora novos elementos decorativos, melloras en eficiencia enerxética e un deseño orientado a potenciar o comercio e a hostalaría locais.

Pola súa banda, as Aldeas de Nadal abrirán ao público este venres ás 19:00 horas, activando así o completo programa festivo que se prolongará durante toda a campaña que rematará o vindeiro 6 de xaneiro. A responsable municipal adianta que a inauguración contará con ambientación especial e animación itinerante.

km0