- Esta nova obra de arte urbana enmárcase dentro do proxecto de promoción da Lingua Ronsel Lalín, realizada dende a Concellería de Política Lingüística ao abeiro dunha subvención para actividades de promoción da Lingua Galega da Deputación de Pontevedra
O Concello de Lalín conta cunha nova obra de arte urbana na Praza Europa. Esta actuación, está inserida dentro do proxecto de promoción da Lingua Ronsel Lalín, realizado dende a Concellería de Política Lingüística do Concello de Lalín que dirixe Begoña Blanco, e que obtivo unha subvención para actividades de promoción da Lingua Galega da Deputación de Pontevedra.
A concelleira Begoña Blanco indica que “para a realización do mural, convidouse ao artista lalinense Álex Dávila, nunha forte aposta polo talento local”. “Para a temática, estableceuse que as protagonistas serían as pandereteiras tradicionais, nun ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas, para poñer en valor o seu gran legado”, explica.
Neste sentido remarca que “son figuras indispensables na identidade galega, transmisoras interxeracionais da cultura oral, da música tradicional e do poder da colectividade. As cantareiras son verdadeiras gardiás dun xeito de cantar e de vivir que forma parte da identidade na nosa comunidade”.
“E en concreto, quixemos honrar a memoria de Hortensia Taboada Cachafeiro, que formaba parte das Pandereteiras de Zobra, e falecida no mes de setembro, sendo unha muller que deixou fonda pegada na música tradicional galega e noutros campos, como na realización de tecidos”, precisa.
O Concello impulsou a creación deste mural urbano coa vontade de poñer en valor a o legado das cantareiras como ponte entre o pasado e o presente, situando a carón a unha nova cantareira, e remarcando o seu papel como figuras clave na cohesión das comunidades.
O artista Álex Dávila Moure foi o encargado de darlle forma a esta homenaxe, nunha obra que lembra que a música que soa nas festas e nos seráns, mantén acesa a memoria colectiva das parroquias e nas vilas.
Álex Dávila, con linguaxe contemporánea, consegue trasladar ao muro esa idea de continuidade, de fío que non se rompe, e sitúa uns versos en cada extremo: “Dame a man e farémonos grandes...Temos xuntas a forza dos mares”- Dávila conta con varios galardóns, como o primeiro premio no certame Xuventude Crea de 2024, ou o do concurso Pintor Laxeiro.
En Lalín, expuxo en dúas ocasións no Museo Ramón Mª Aller Ulloa en exposición colectivas, e noutros locais da vila. Ademais de en diversos puntos de Galicia, ten realizado obras a nivel nacional, como unha situada en Murcia, coa que conseguiu xunto a Olalla Framiñán o premio de Muralismo. E impartiu talleres sobre grafiti contemporáneo para a Xunta de Galicia.
Isabel Fernández Muradás, que asistiu á presentación do mural en representación das Pandereiteiras de Zobra, dedicou unhas bonitas palabras na memoria de Hortensia, resaltando o seu carácter alegre, recordando que era unha persoa moi sociable, que procuraba as xuntanzas na comunidade. Puxo en valor a súa xenerosidade, xa que ensinoulle a ela e a moitas persoas os seus saberes, transmitindo non só a música tradicional. E manifestou que lle gustou moito o resultado do mural.
Tamén Álex Dávila se sentiu satisfeito co resultado, detallando que tivo que adaptar a técnica cos aerosois ao formato, para conseguir un resultado limpo e do seu agrado.
Pé de foto: A concelleira Begoña Blanco; Isabel Fernández, en representación das Pandereteiras de Zobra e Álex Dávila, diante do mural