-
Está aberta a inscrición que se pode realizar no CIM de xeito presencial ou telefónica
-
Desenvolverase o sábado, 11 de xaneiro, no Lalín Arena de 10 a 14 e de 16 a 20 horas
O Centro de Información á Muller (CIM), dependente da Concellería de Igualdade e Política Social que dirixe Carmen Canda, coordina un curso de defensa persoal feminina que dará comezo o sábado 11 de xaneiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 h. A inscrición é a través do CIM, de xeito presencial ou telefónica (986787060).
Trátase dunha actividade subvencionada desde a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral da Loita contra a violencia de xénero, no marco do acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a conformación dunha Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero, na que está incluída o Concello de Lalín.
Dita actividade está impartida por monitores/as especialistas en defensa persoal e consiste nun obradoiro de adestramento físico e psíquico para dotar ás mulleres de ferramentas suficientes para sentirse seguras nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida. Cómpre unha condición física normal e está dirixido a mulleres adultas.