-
A concelleira de Cultura e tenente alcalde destaca a “afluencia destacable” desta mostra que se enmarca nos actos de conmemoración dos actos de bicentenario do primeiro gran home das Ciencias de Galicia e lalinense nado en Bermés
-
Avanza que nas dúas semanas que restan para poder ser visitada amosaron interese diversos colectivos e xa están concertadas visitas para os colexios de Cercio, Prado e Vilatuxe
-
Pode visitarse ata 28 de xaneiro en horario de luns a venres de 8 a 15 e de 17 a 19 e fins de semana de 12 a 14 e de 17 a 19 h. Para os centros educativos e grupos é preciso concertar cita previa.
Desde a súa apertura ao público, a exposición “José Rodríguez. O Matemático de Bermés”, instalada no vestíbulo do Concello de Lalín, recibiu preto de 1.200 visitas, a maior parte delas correspondentes a visitas organizadas. Así o sinala a concelleira de Cultura, Paz Pérez, que indica que “un total de 1.080 persoas a visitaron a través de visitas programadas e guiadas” e precisa que “neste grupo se atopa o alumnado e o profesorado dos centros educativos do casco urbano lalinenses, que foron o público maioritario”. “Ademais da visita dos centros educativos, recibiu tamén a visita de diversos colectivos, Cruz Vermella e outras asociacións de veciños e veciñas”, remarca.
Indica a responsable municipal de Cultura e tenente alcalde que “as portas da exposición están abertas de luns a venres e os sábado e domingos nun horario concreto, permitindo que o público xeral poida visitar a mostra de forma libre, sendo neste tempo un total de 84 persoas as que a visitaron pola súa conta, de xeito non concertado”.
Deste xeito a exposición en honra do Matemático de Bermés nos actos do seu bicentenario, nomeado pola Real Academia Galega de Ciencias en 2024, rexistrou unha afluencia destacable durante o tempo que leva de apertura, afirma.
Avanza Paz Pérez que para as dúas semanas que restan para poder visitar a exposición, diversos colectivos amosaron o seu interese en visitala e ademais na semana que vén visitara os tres centros educativos do rural:
-
CEIP Varela Buxán de Cercio (38 alumnos): martes 21 de xaneiro ás 12 horas
-
CEIP Xoaquín Loriga de Prado (39 alumnos): mércores 22 de xaneiro ás 10 horas
-
CEIP Vicente Arias de la Maza (28 alumnos): venres 24 ás 10 horas
Recordar que a mostra abriu ao público o pasado 22 de novembro e continúan abertas as visitas ata o 28 de xaneiro para calquera persoa ou colectivo, en horario de luns a venres de 8 a 15 e de 17 a 19 h e fins de semana e festivos de 12 a 14 e de 17 a 19 horas. Para os centros educativos e grupos é preciso concertar cita previa.
A mostra presenta a vida e obra deste ilustre científico galego, un dos pioneiros da Ciencia de Galicia e figura clave no desenvolvemento das matemáticas e das astronomía. Ofrece unha visión detallada da traxectoria de Rodríguez desde os seus inicios como neno labrego de Lalín ata a súa morte en 1824, pasando por momentos claves como a súa participación na expedición internacional que fixo posible a definición do metro como unidade de medida.
A exposición inclúe relevantes documentos como a súa acta de nacemento e os seus títulos de Bacharel en Filosofía e Teoloxía, así como recursos interactivos e pedagóxicos, como vídeo sobre a súa vida e a medición do meridiano. Tamén se destaca un folleto ilustrado que achega unha visión didáctica da súa biografía. Esta exposición constitúe unha oportunidade única para achegarse a coñecer a un ilustre lalinense e primeiro home das Ciencias de Galicia cunha traxectoria internacional.