-
O taller iniciouse o 28 de outubro e desenvolveuse todos os luns de 10:00 a 11:30 no Pavillón Municipal de Deportes de Lalín
-
Carmen Canda remarca a importancia de fomentar o exercicio físico e o envellecemento activo da poboación lalinense.
O taller de “En forma 1” é un das actividades gratuítas que oferta ATEGAL en colaboración coa Afundación e tivo como finalidade focalizarse no exercicio físico, orientado a manter e mellorar a condición física xeral das persoas maiores. Traballouse o mantemento, a mellora da forza e potencia muscular, o equilibrio e a coordinación para manter unha boa forma física e previr as caídas. Tivo lugar os luns dende o 28 de outubro do 2024 ata o 27 de xaneiro de 2025 de 10:00 a 11:30 no Pavillón Municipal de Deportes de Lalín.
Dentro do Programa “Cheos de Vida” tamén se ofertaron, con carácter gratuíto, o taller de “Whatsapp”, cun máximo de 15 prazas, que tivo lugar os luns dende o 4 ao 25 de novembro de 2024 de 17:00 a 19:00 na aula do Lalín Arenas e facilitoulles ás persoas participantes, o acceso á mensaxería instantánea a través de dispositivos móbiles así como os principais elementos de comunicación e seguridade e o taller de “Alimenta o teu benestar”. Este último foi os mércores de 17:00 a 19:00 na Aula do Lalín Arena dende o 30 de outubro ao 17 de decembro do 2024, e onde se deron a coñecer pautas e hábitos para gozar dunha alimentación saudable e equilibrada que axuden a mellorar a saúde.
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, resalta a importancia de dar resposta con estas actividades ás inquedanzas e necesidades actuais dunha xeración de persoas de 55 anos ou con ideas, experiencias, cultura e estilos de vida dinámicos e variados e na importancia que ten fomentar as aprendizaxes nas aulas e o envellecemento activo da poboación lalinense.
As Aulas Sénior de Lalín, nas que se encaixan actividades como Historia da arte, estimulación cognitiva, inglés, informática, pintura, acuarela e todos aqueles talleres ofertados por ATEGAL, pretenden contribuír a manter a autonomía e independencia das persoas máis maiores mediante distintas propostas e actividades, crear un espazo ocupacional tras a xubilación no que desenvolverse integramente como persoas e manter un acercamento cos ámbitos da actualidade.