-
O alcalde, o edil de Obras e a concelleira de Política Social indicáronlle á directiva de Aspadeza que o servizo de saneamento xa está operativo e que teñen que conectarse tramitando a pertinente alta nas instalacións de Aquadeza
O alcalde de Lalín, José Crespo, o concelleiro de Obras e Servizos, José Cuñarro, e a concelleira de Política Social, Carmen Canda, visitaron esta tarde o centro de Aspadeza, entorno no que se veñen de finalizar os traballos de construción da rede de saneamento que permitirá as instalacións desa contorna (centro Aspadeza, centro hípico e albergue xuvenil) conectarse ao sistema de tratamento de augas residuais do Concello de Lalín. Deste xeito estes centros deberán xa conectarse para desfrutar deste servizo, tramitando a pertinente alta nas instalacións de Aquadeza (rúa Molinera 24, baixo).
A dotación deste rede de saneamento no entorno de Mouriscade supuxo un investimento municipal de 104.868€. Os traballos acometidos consistiron na construción de 340 metros de canalizacións, arquetas e conexións coas edificacións citadas (Aspadeza, albergue e club hípico) así como da totalidade das edificacións da parte baixa da finca de Mouriscade que nunha parte importante foi cedida pola Deputación ao Concello de Lalín. Ademais esta actuación completouse coa instalación dunha depuradora.
Con esta actuación o goberno dá resposta a unha petición que lle foi trasladada pola dirección de Aspadeza.