- Trátase de poñer en valor, cada un dos meses, unha temática específica mediante o desenvolvemento de diferentes actividades coas que propiciar un achegamento da biblioteca e da lectura á veciñanza
Dentro do programa “Lalín é Cultura”, o Concello de Lalín activa a iniciativa “Meses Temáticos” na Biblioteca de Lalín para poñer en valor, en cada un dos meses elixidos, unha temática específica concreta do fondo bibliográfico, a fin de achegar á biblioteca á veciñanza e promover o hábito lector.
Begoña Blanco, concelleira de Cultura e Educación, explica así as liñas desta iniciativa que dá comezo este mes de abril que será o “Mes do libro”. O mércores, 23 de abril celebrarase na biblioteca o “Día do Libro”. Haberá sorteos de lotes de libros para os/as usuarios/as da Biblioteca.
Maio será o “Mes das Letras galegas” cunha zona da biblioteca dedicada aos/ás escritores/as galegos/as e tamén cunha exposición de libros de autores/as galegos/as. Tamén o 23 de maio haberá unha actividade para a cativada ás 18 horas, afirma.
A responsable municipal tamén incide en que setembro será o “Mes da biblioteca e da lectura” no que as maletas viaxarán polos distintos centros educativos cargadas de libros novidosos. Desenvolverase a actividade bibliotecarios/as por un día e os días 4 e 18 de setembro haberá actividades para os/as máis novos/as.
Outubro será o “Mes da dinamización lectora” no que a biblioteca lucirá de Samaín, subliña Blanco, e no que os días 2, 16 e 30 contaremos con actividades de dinamización lectora para os máis cativos.
“O Mes da igualdade” centrará a programación da biblioteca de novembro cunha exposición de mulleres escritoras e cunha zona de infantil e persoas adultas dedicada á igualdade. O espazo tinguirase de morado e o día 3 haberá unha exposición sobre Neira Vilas, precisa.
Por último decembro é o “Mes do Nadal” no que a biblioteca estará vestida con luz de Nadal, haberá unha exposición de libros desta temática e desenvolverase o concurso de postais con temática das “Aldeas de Nadal”, conclúe. Máis info en: biblioteca@lalin.gal