- A concelleira de Educación visitou no centro as distintas actuacións de mellora das instalacións acometidas recentemente polo goberno
- Begoña Blanco indica que “continúamos acometendo melloras nos centros educativos, tendo en conta as peticións da dirección de cada centro e tamén das Anpas, valorando sempre as de carácter máis urxente”
Xoves, 10 de abril de 2025
A concelleira de Educación, Begoña Blanco, desprazouse ao CEIP Xoaquín Loriga de Prado para visitar coa directora do centro; María Rodríguez García, as distintas actuacións de mellora das instalacións que o goberno vén de acometer recentemente no colexio. Blanco indica que “continuamos acometendo distintas obras nos centros educativos, tendo en conta as peticións da dirección de cada centro e tamén das Anpas”.
Blanco explica que no colexio de Prado “vimos de habilitar un almacén situado dentro do patio de cuberto que se executara o ano pasado”. “Este almacén estará destinado a gardar os xoguetes e materiais diversos do alumnado que se utilizan de forma habitual nos recreos, a fin de que os teñan fácil de coller para o seu uso”, indica. “Ademais no patio cuberto deixouse unha zona dianteira para que os/as nenos/as poidan xogar sen que mollen”, remarca.
A concelleira de Educación tamén indica que “se instalou unha porta de seguridade na parte posterior do salón de actos, espazo que se remodelou por completo o ano pasado”.
“Así mesmo as actuacións levadas a cabo desta volta neste centro abranguen tamén a dotación de fiestras novas de aluminio a unha parte que quedaba sen renovar os ventanais, na zona da casa dos mestres”, remarca.
Por último, Begoña Blanco remarca que “se continúa en contacto coa dirección dos centros de xeito continuado ao longo do curso e que se terán en conta as peticións valorando sempre as peticións máis urxentes
A concelleira sinala que actualmente se están rematando diversas actuacións no colexio de Vilatuxe e en Cercio darán comezo tras as Semana Santa.
Por último remarca que “se continúa ao longo do curso coa dirección de cada centro de xeito continuado e que se terán en conta as súas peticións, valorando sempre as máis urxentes”.