- O concelleiro de Obras informa que “hoxe se veñen de incorporar 10 operarios ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación e proximamente está previsto a incorporación doutros 5”
- “A maiores contamos cun equipo de bacheo de 7 persoas”, explica o edil
- Cuñarro subliña que “teremos en total con 25 operarios ata final de ano para tratar de dar mellores servizos tanto no rural como no casco”.
O concelleiro de Obras e Servizos, José Cuñarro Torres, achegouse a Noceda onde os tres novos operarios da brigada permanente da Mancomunidade que ten Lalín están realizando traballos de desmonte na explanada do campo da festa desta parroquia.
Cuñarro subliña que “con estes 3 novos operarios da Mancomunidade imos reforzar o mantemento do noso rural, posto que disporemos durante todo o ano de motoniveladora, pala mixta e camión para o acondicionamento de pistas de zahorra, dos camiños de terra e, sobre todo, limpeza de cunetas, que é un labor fundamental no traballo da brigada para a conservación das pistas”.
Ao respecto o concelleiro de Obras remarca que para desenvolver estas tarefas “necesitamos colaboración, sobre todo dos pedáneos e veciños para non ter que carrexar a terra sobrante da limpeza das cunetas a quilómetros de distancia, como ocorre en moitas ocasións e poder depositala en sitios máis próximos”.
Indica que “de maio a xullo esta brigada da Mancomunidade centrará as súas actuacións en realizar traballos de mantemento nas pistas de concentración e nas pistas de zahorra do noso concello e xa cara a finais de verán e, sobre todo, en inverno, volcarase na limpeza de cunetas”. “Estes traballos permitirán á veciñanza dispoñer de pistas en mellor estado e ter maior seguridade viaria e ao Concello reducir os gastos de mantemento, xa que hai algunhas das que se fan novas hai que bachealas ao cabo de dous ano o que, segundo os técnicos, se debe á falta de limpeza das cunetas”, precisa.
Hoxe comezan 10 novos operarios na brigada de obras municipal
Por outra parte, o edil delegado informa que “hoxe empezaron na brigada municipal de Obras 10 novos operarios, ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación (2 condutores de tractor desbrozadora, 1 condutor de motoniveladora, 6 peóns de obras públicas e 1 peón forestal) que estarán ata final de ano e quedan pendentes de incorporación, tamén a través deste plan outros 5 operarios (3 peóns forestais e 2 peóns de obras públicas).
7 operarios do equipo de bacheo
“Á maiores destes 18 operarios entre as dúas brigadas, hai 7 persoas que conforman o equipo de bacheo que estará traballando tanto no rural como no casco urbano durante nove meses, realizando labores de desbroce no perímetro dos centros sociais das parroquias e de reparación de baldosas soltas nas beirarrúas e limpeza de zonas verdes no casco”.
“En definitiva, teremos 25 operarios ata final de ano para tratar de dar un mellor servizo tanto no rural como no casco”, conclúe Cuñarro.