- O alcalde e o concelleiro de área, Avelino Souto, mantiveron un encontro coa veciñanza deste lugar da parroquia de Anseán a raíz da inauguración e posta en marcha do saneamento
Os 26 veciños do lugar de Soutullo, na parroquia de Anseán, xa teñen operativo o servizo de saneamento, unha actuación que o goberno municipal vén de rematar e que supuxo un investimento de 92.626 euros. Así llelo trasladaron o alcalde de Lalín, José Crespo, e mailo concelleiro de área, Avelino Souto, nun encontro que mantiveron coa veciñanza no centro social.
Alcalde e edil explicaron aos veciños que para poder desfrutar deste servizo que se vén de inaugurar, deberán tramitar o antes posible a pertinente alta nas instalacións de Aquadeza (rúa da Molinera, 24).
A dotación da rede de saneamento a este núcleo rural significou acometer 1 quilómetro de canalizacións e máis a construción dunha depuradora. Con esta actuación o goberno dá resposta a unha das principais peticións que fixeron os veciños deste lugar na rolda de visitas que o alcalde e concelleiros realizaron polas parroquias nos primeiros meses do actual mandato.
Coa entrada en funcionamento da rede de saneamento, os veciños de Soutullo desfrutarán dos seis servizos básicos que equiparan o rural ao casco urbano lalinense, ao dispoñer de ademais de saneamento, de traída municipal de auga, pistas, recollida de lixo, internet e iluminación pública.