-
Foi nun acto presidido polo conselleiro da Presidencia no que tomaron parte o alcalde de Lalín e o concelleiro de Protección Civil
O alcalde de Lalín, José Crespo, e o concelleiro responsable de Protección Civil e Seguridade Cidadá, Pablo Areán, participaron no acto de entrega de novos vehículos aos GES dos concellos de Lalín, A Estrada, A Pontenova, Avión, Muiños, Valdeorras, Terras de Celanova e Pereiro de Aguiar por parte da Xunta de Galicia. Un acto que tivo lugar o pasado mércores, no Monte do Gozo en Santiago de Compostela, presidido polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
No caso do Concello de Lalín recibiuse unha furgoneta de servizos varios, valorada en 117.370 €, que vai permitir intervencións rápidas e que no seu interior está dotada con diferente equipamento entre o que destaca un depósito de auga para extincións de pequenos incendios e varias ferramentas e materiais para usos diversos en situacións de emerxencia.
No acto tomaron parte ademais do conselleiro de Presidencia e os alcaldes dos concellos aos que se lle fixo entrega de material, os delegados da Xunta de Galicia en Pontevedra, Lugo e Ourense; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias; o subdirector xeral de Protección Civil e Planificación; os xefes territoriais de Lugo, Ourense e Pontevedra; os xefes de servizo provinciais da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, así como técnicos do grupo de apoio loxístico da AXEGA.
Cómpre lembrar que a mediados do mes de marzo o Concello recibiu tamén da Xunta novos materiais para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lalín (AVPC) consistentes en kits de material loxístico de seguridade compostos por unha mampara de protección visual pregable, dous soportes telescópicos antivento pregrables e un pack de sinalización compostos por dez sinais de tráfico e quince unidade de tetrápodos con reflectantes, un maletín de balizas sincronizables para sinalización con batería de litio recargable, catro lanternas de sinalización para emerxencias, un maletín de balizas sincronizables para sinalización con batería de litio recargable e catro lanternas de sinalización para emerxencias.