- O Centro de Información á Muller activo no Concello de Lalín desde 2002 e conveniado na prestación de servizos con Agolada e Rodeiro desde 2014 ofrece atención á vítimas de violencia de xénero, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e información de recursos
- Neste cuadrimestre levou adiante importantes e diferentes actividades como un curso de “defensa persoal feminina”, a Mesa Local de Coordinación fronte á violencia de xénero e a presentación do “Protocolo de actuación fronte ás violencias sexuais e LGTBIFóbicas no ocio nocturno”
O Centro de Información á Muller (CIM) é un servizo municipal da Concellería de Política Social e Igualdade, activo desde agosto de 2002 e conveniado na prestación de servizos cos concellos de Agolada e Rodeiro desde o 2014.
Este servizo ofrece, de xeito permanente, os recursos desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres en situación de vulnerabilidade, en horario de luns a venres, de 8 a 15 horas, e que proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, prioridade na intervención e atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e información sobre os recursos dispoñibles na Comunidade Autónoma.
As estatísticas de consultas atendidas no primeiro cuadrimestre de 2025 foron as seguintes:
| TIPO DE CONSULTAS | Nº |
| Atención a vítimas de violencia de xénero | 65 |
| Asesoramento xurídico | 59 |
| Atención psicolóxica | 59 |
| Información de recursos, outro tipo de consultas | 22 |
| TOTAL | 205 |
Dentro do marco das funcións do servizo CIM, no que vai de ano desenvolveuse unha intensa axenda de actividades transcendentes, de diferente índole, todas elas co nexo común de ofrecer unha resposta global na atención ás vítimas de violencia de xénero.
- O 11 de xaneiro realizouse o curso de “defensa persoal feminina” nas instalacións do Lalín Arena dirixido a mulleres adultas e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Fegamp, incluído dentro das actividades ofertadas ás entidades locais que forman parte da rede galega de concellos contra a violencia de xénero, cunha participación de 20 mulleres.
- O 13 de xaneiro levouse a cabo a Mesa Local de Coordinación fronte á violencia de xénero, que se reúne con periodicidade semestral, e na que participaron diferentes profesionais implicados na atención a vítimas de distintos departamentos como Policía Local, Xulgado, Colexio de Avogados, Garda Civil, IES, Subdelegación do Goberno e Dirección Xeral da Loita contra a violencia de xénero da Xunta, onde se levan a cabo actuacións de coordinación e supervisión na atención directa a vítimas de violencia de xénero.
- O 4 de febreiro tivo lugar a presentación do “Protocolo de actuación fronte ás violencias sexuais e LGTBIFóbicas no ocio nocturno” por parte do director xeral da Loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba, na que participaron diferentes hostaleiros coa finalidade de adherirse ao mesmo.
Ao longo do ano o CIM mantén unha serie de actividades conmemorativas en relación ao 8 de Marzo e ao 25 de Novembro, así como programas formativos e educativos dirixidos a alumnado e poboación en xeral a través do departamento de igualdade municipal.
Así mesmo o CIM está adscrito mediante convenio de colaboración ao servizo ATENPRO (atención e protección para vítimas de violencia de xénero) da Cruz Roja Española e desde o CIM tramítanse as solicitudes para a teleasistencia e mantén colaboración e coordinación constante co punto habilitado no posto da Garda Civil de seguimento de casos de violencia de xénero, levando a cabo unha actuación global de tramitación de recursos en canto a vítimas de violencia de xénero.