-
A concelleira de Educación visita estas importantes melloras que se veñen de concluír no CEIP Vicente Arias de la Maza, e que se suman a outras recentes acometidas neste centro como a dotación de tarima nova a cinco aulas -agora, todas teñen tarima-, ou a mellora integral da eficiencia enerxética
-
Begoña Blanco remarca que se continúan desenvolvendo melloras nos centros ao longo do curso en contacto directo coas direccións educativas
O CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe suma novas e importantes melloras despois de que o goberno municipal veña de concluír traballos de pintado da totalidade do edificio principal do centro, de acondicionamento dos vestiarios do pavillón polideportivo e de colocación de tarima no edificio anexo ao colexio, instalacións que tamén se usan como aula para o alumnado. Todas elas melloras, que foron consensuadas coa dirección do centro e coa Anpa, e que vén de visitar a concelleira de Educación, Begoña Blanco.
Begoña Blanco sinala que “deste xeito o colexio de Vilatuxe pasa a dispor de tarimas en todas as aulas, posto que hai uns meses hai que recordar que instalaramos tarima nova en cinco aulas, polo que unicamente restaría por instalar tarima nos corredores, que se tratará de instalar en posteriores obras que se fagan”.
A responsable local de Educación fai fincapé “no importante investimento realizado neste centro tanto por parte do goberno local como da Xunta que acometeu a renovación de cubertas, de fiestras e portas e o cambio de luminarias a LED, o que supuxo unha mellora integral da eficiencia enerxética neste colexio”.
Blanco remarca que “continuamos desenvolvendo actuacións de mantemento e mellora nos centros educativos ao longo de todo o ano, estando en contacto continuo con eles para atender ás súas necesidades”. Neste sentido avanza que ao remate deste curso e antes de que comece o vindeiro farase unha reunión coas direccións dos centros para ver as necesidades e as peticións que teñen de cara ao curso académico 2025-26.