Un total de 15 asociacións de Lalín recibiron case 141.000 euros no 2024 no marco desta liña de axudas da Deputación.
- A “Asociación Mulleres Rurais en Igualdade de Bendoiro” investiu os 10.000 euros de subvención para a posta en marcha do proxecto “Ximnasio no rural” para o que adquiriron máquinas de ximnasia, cadeiras, mesas, dúas carpas pregables, un televisor e un ordenador
- A “Asociación Veciñal Cultural San Esteban de Cadrón” dedicou os 10.000 euros recibidos da Deputación na dotación dunha cociña para o centro social da parroquia ademais dunha grella de grandes dimensións
A tenente de alcalde, Paz Pérez Asorey, e o vicevoceiro do goberno, Pablo Areán González, visitaron estes días xunto ao deputado provincial de Acción Comunitaria, equipamentos públicos e Fondos Europeos, Javier Tourís Romero, a “Asociación Mulleres Rurais en Igualdade de Bendoiro” e a “Asociación Veciñal Cultural San Esteban de Cadrón”, que resultaron beneficiarias das axudas do Plan de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra correspondentes ao exercicio 2024. Un total de 15 asociacións de Lalín recibiron case 141.000 euros no 2024 no marco desta liña de axudas da Deputación.
Os responsables municipais e provinciais mantiveron un encontro cos integrantes destas dúas asociacións e comprobaron in situ os investimentos realizados coas subvencións recibidas do Plan de Acción Comunitaria.
A “Asociación Mulleres Rurais en Igualdade de Bendoiro” recibiu un investimento de 10.000 euros que destinou á compra de máquinas de ximnasia, cadeiras, mesas, dúas carpas pregables de 3 x 3 m, un televisor de 65 polgadas e un ordenador. Un equipamento co que puxeron en marcha o proxecto “Ximnasio no rural” destinado a dar clases aos/ás membros da asociación dúas veces por semana.
No caso da “Asociación Veciñal Cultural San Esteban de Cadrón” o importe de 10.000 euros recibidos da Deputación investírono na dotación dunha cociña para o centro social parroquia composta por campá extractora, lavalouzas, conxelador, mobles e unha grella de grandes dimensións para uso veciñal.
O Plan de Acción Comunitaria é unha convocatoria anual de axudas por parte da Deputación de Pontevedra dirixida principalmente ás asociacións veciñais, comunidades de augas e asociacións de mulleres rurais. Neste ano 2025 destinou un total de 2,4 millóns de euros en axudas destinadas ao tecido asociativo da provincia, un incremento do 20% con respecto ao 2024.