-
Para esta iniciativa inscribíronse 18 persoas, o que amosa un latente interese da veciñanza pola lectura
-
A primeira xuntanza desenvolveuse o pasado día 2 de maio e a periodicidade das xuntanzas será mensual, o último xoves de cada mes, no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero
-
Aínda queda algunha praza vacante, polo que se alguén está interesado, pode inscribirse na biblioteca, e unha vez cubertas as prazas farase unha lista de reserva
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, avanza que o pasado venres tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura para persoas adultas que vén de poñer en marcha o Concello de Lalín. Anteriormente, publicitouse hai varios meses -a través dos medios de comunicación e das redes sociais do Concello- a intención de crear un grupo de persoas lectoras adultas, así como que as persoas interesadas podían inscribirse na Biblioteca Municipal Varela Jácome.
Blanco sinala que a resposta foi moi positiva e anotáronse case unha vintena de persoas, o que amosa un latente interese da veciñanza pola lectura. Unha vez acadada esa cifra mínima de participantes, decidiuse convocar a todas as persoas que se inscribiron para esta primeira xuntanza.
Espazo de intercambio de ideas sobre as lecturas propostas
O encontro serviu para poñer en funcionamento a iniciativa. As persoas inscritas foron recibidas pola concelleira, que lles deu a benvida e indicou os motivos que levaron ao Concello á posta en marcha desta iniciativa. Ademais, describiu as características do proxecto, mencionando que se quere crear un espazo distendido e lúdico, onde un se poida expresar libremente e onde se permita o intercambio de ideas sobre as lecturas propostas.
Este diálogo permitirá expresar diferentes puntos de vista e percepcións sobre os textos a analizar, o cal posibilitará adquirir novas interpretacións e afondar na obra, enriquecendo o noso acercamento á literatura, nun acto social.
Diversidade de perfís e intereses
As persoas participantes no club puideron presentarse, coñecerse entre eles, e compartir comentarios sobre as súas lecturas de referencia ou autores que os marcaran por algún motivo, o que constatou a diversidade de perfís persoais e intereses, pero tamén puxo en relevo puntos en común como a preferencia de varias usuarias polos audiolibros fronte aos libros en formato físico tradicionais ou a coincidencia en canto a autores/as preferidos/as.
Para as vindeiras xuntanzas acordaron empregar o edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, para poder falar con tranquilidade e sen interromper o ritmo de estudo dos usuarios da biblioteca. A periodicidade das xuntanzas será mensual e quedan fixadas para os últimos xoves de cada mes, polo que a seguinte cita será o 29 de maio ás 20:00 horas. Os volumes son proporcionados pola Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, para os clubs de lectura constituídos.
Actividades lúdicas complementarias
Con esta actividade promóvese a lectura entre a veciñanza, así como a convivencia e as relacións interpersoais, e xa se propuxo igualmente a realización de actividades propiamente lúdicas complementarias, como algunha excursión ás localizacións ou a lugares en relación coa lectura a tratar.
Aínda queda algunha praza vacante, polo que se alguén está interesado, pode inscribirse na biblioteca, e unha vez cubertas as prazas farase unha lista de reserva.
Elección dos títulos
Os títulos a ler selecciónanse dentro dunhas listaxes publicadas na web de Clubs de Lectura da Rede Galega de bibliotecas, onde están clasificados por idiomas. Neste catálogo hai máis de 800 títulos en galego e en castelán.
Normas de funcionamento
En cada reunión mensual comentarase o libro, de forma libre aínda que respectando as quendas de palabra e a orde de intervención e participando cada usuario/as na medidas da súa elección, incluso como oínte. Abordaranse aspectos formais propias da lectura do texto, o marco do espazo e o tempo, o tratamento dos personaxes, o estilo da narración, entre outros aspectos.