- No marco desta iniciativa, encadrada no programa de Coñecemento e Experiencias da UVIGO, desenvolveranse catro seminarios durante os meses de maio e de xuño
- Son actividades culturais e formativas de carácter gratuíto dirixidas a persoas maiores de 50 anos sobre as temáticas de “Fomento do desenvolvemento persoal”, “Aprende a salvar unha vida”, “Coñecendo a fraxilidade” e “Probióticos Caseiros: degusta, aprende e transforma a túa Saúde Dixestiva”
- As persoas que desexen asistir deberán recoller a solicitude na recepción do Concello de Lalín e rexistrar dita solicitude no Rexistro
- O máximo de prazas en cada seminario é de 30 persoas asistentes e un mínimo de 10
O convenio de colaboración entre o Concello de Lalín coa Universidade de Vigo, que vén de ser aprobado pola xunta de goberno, ten como obxectivo principal promover a aprendizaxe ao longo da vida, ao tempo que afrontar o reto que do envellecemento da poboación. O proxecto democrático do Coñecemento, encadrado na Rede Galega de Programa Universitarios para Maiores, oriéntase ao desenvolvemento de actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas maiores de 50 anos, todas elas con carácter gratuíto.
A programación dos seminarios está previsto que se desenvolva no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero de Lalín e será a seguinte:
- Seminario I, dentro da temática de saúde e benestar, titúlase “Fomento do desenvolvemento persoal” ”, 21 de maio ás 16 h, cunha duración de tres horas. O obxectivo é promover o desenvolvemento persoal e o benestar integral das persoas maiores, facilitando ferramentas e recursos que lles permitan mellorar a súa calidade de vida, fomentar a autoconfianza e fortalecer as súas relación interpersoais. Será impartido por Isabel Ferreiro González, profesora do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo, campus de Ourense.
- Seminario II co título “Aprende a salvar unha vida”, 26 de maio de 16.30 a 19.30 h, cunha sesión teórica-práctica, ten como obxectivo principal dar a coñecer á poboación as técnicas básicas de soporte vital tales como a reanimación cardiopulmonar (RCP) e o uso dun desfibrilador externo semiautomático (DEA). Así mesmo abordaranse temas como as principais causas de paradas cardíacas e como evitalas, pasos básicos para actuar en caso de accidente, como comunicarse cos servizos de emerxencia, como iniciar a reanimación cardiopulmunar. Impartirao Marcos Sanmartín Montes, do grupo de investigación REMOSS da Universidade de Vigo.
- Seminario III, “Coñecendo a fraxilidade”, cunha sesión teórica-práctica onde se exporán temas como: que é a fraxilidade?, sarcopenia e osteoporose, como se valora, cal é a relación entre a fraxilidade e as caídas, ”como se trata a fraxilidade na fisioterapia. Será o día 4 de xuño ás 16:30 ata ás 19:30, ofrecido pola profesora da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo, campus de Pontevedra, Irimia Mollinedo Cardalda.
- Seminario IV, “Probióticos caseiros: degusta, aprende e transforma a túa saúde dixestiva”, o 11 de xuño de 16 a 19 horas. Ten como obxectivo principal capacitar ás persoas participantes para elaborar e gozar de alimentos probióticos caseiros, comprendendo os seus beneficios para a saúde dixestiva, así como tamén unha degustación e cata sensorial in situ. Será impartido por Marisol López Reyes, nutricionista e tecnóloga de alimentos e profesora do programa universitario de Maiores da Universidade de Vigo, campus de Ourense.
Os seminarios terán que alcanzar un mínimo de participantes, 10 persoas, para o seu desenvolvemento e un máximo de 30. O prazo de inscrición comezará o día 12 de maio e ata ocupar o máximo de prazas estipulado no convenio. As persoas que desexen asistir deberán recoller a solicitude na recepción do Concello de Lalín e rexistrar dita solicitude no Rexistro.