Será nun acto que terá lugar ás 20 horas no Museo Municipal e no que se convida á veciñanza a asistir
- A mostra recibiu preto de 650 visitas desde a súa inauguración o 21 de marzo, sendo numerosos os grupos escolares e reservas de entidades, ademais das visitas realizadas a título individual
- A propia artista participou activamente na didáctica que se realizou da súa mostra e de feito ocupouse ela mesma de dirixir cinco visitas guiadas de grupos que solicitaron acudir ao Museo, tanto de persoas adultas como de estudantes
O vindeiro venres, 23 de maio, ás 20 horas, no Museo Municipal Ramón Mª Aller, presentarase o catálogo da exposición de Elhaba Carballo de Dios titulada “EMET”, que significa a verdade. Un acto co que tamén se clausurará a mostra desta figura referente da pintura galega contemporánea que crea desde Xunqueira de Espadanedo, municipio onde naceu e onde reside.
A mostra púidose visitar durante os pasados dous meses desde a súa inauguración o 21 de marzo. O proxecto expositivo contou con 22 obras, óleos sobre lenzo na súa totalidade, nun mesmo formato cadrado de 100 x 100 cm. A nivel formal, as composicións tratan a temática da árbore da vida e inclúen as letras hebreas e a súa significación no tratamento das obras. En palabras de Ehlaba, a exposición é o resultado do estudo e investigación que levou a cabo sobre esta temática, sendo unha aprendizaxe extensa xa que é un código encriptado.
A concepción da exposición realizouse expresamente para o Museo Ramón María Aller, e no plano conceptual está moi presente a espiritualidade e a carga simbólica de elementos dogmáticos como o tetragrama. De feito, cada unha das 22 letras que protagonizan os cadros, a artista defíneas como unha chave para un porta e unha enerxía no noso interior e busca as conexións entre os mundos espirituais e físicos. Na expresividade plástica destacouse polo público en xeral o variado cromatismo das obras así como a sinxeleza e o esquematismo na representación dos elementos vexetais.
En total, máis de 650 persoas visitaron a súa mostra (483 entre marzo e abril e 167 en maio). Os grupos escolares foron numerosos, así como varias reservas de entidades, ás que se engaden as visitas a título individual que chegan cada día ao Museo.
Hai que destacar que Ehlaba Carballo de Dios participou activamente na didáctica que se realizou da súa exposición, xa que realizou ela mesma visitas guiadas a grupos que solicitaron acudir ao Museo ata en cinco ocasións, tanto para persoas adultas como para estudantes.
A artista é natural de Xunqueira de Espadanedo e ten exposto en gran cantidade de cidades ao redor do mundo (Dubai, Nova Iorque, París, Florencia, Miami…). É unha habitual da EmporcARTE e xa realizara unha exposición individual no Museo Ramón María Aller. A pasada semana, clausurou outra mostra colectiva na que participou en Ourense, no centro Marcos Valcárcel.
Convídase á veciñanza a asistir á clausura de “EMET” e a presentación do catálogo da dita mostra o venres 23 de maio e comunícase que se distribuirá un catálogo ás persoas asistentes (un por unidade familiar). Cómpre indicar que a edición do catálogo foi realizada grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.