Co ánimo de facilitarlle o estudo ao alumnado nestas datas finais de curso e de probas PAU e tamén ás persoas opositoras a súa preparación para próximos procesos selectivos
- O goberno adopta esta decisión a través das Concellerías de Facenda e Réxime Interno e de Cultura dando así resposta afirmativa ás solicitudes da veciñanza que acode regularmente a estas instalacións, ben por estar estudando ou preparando oposicións
- Esta ampliación temporal e extraordinaria de horario é posible grazas á incorporación de novos traballadores municipais, o que permite reforzar no verán determinados servizos que por determinadas circunstancias se consideran básicos
- Avanza o goberno a intención de tratar de tentar en vindeiros anos continuar co desenvolvemento desta iniciativa, tendo en conta que é un período de aprox. un mes onde tanto o alumnado como os opositores adican maior número de horas ao estudo
O goberno vén de decidir ampliar de forma excepcional o horario da “Biblioteca Municipal Varela Jácome”, dando así resposta afirmativa ás solicitudes da veciñanza que acode regularmente á biblioteca, ben por estar estudando ou preparando oposicións.
Deste xeito, desde o 31 de maio e ata o 15 de xuño, ambos os dous días inclusive, a Biblioteca Municipal permanecerá aberta de 9 horas da mañá a 21 horas da noite de forma ininterrompida de luns a domingo para facilitarlles o estudo ao alumnado nestas datas finais de curso e de celebración das probas PAU, así como a preparación ás persoas opositoras que se enfrontan a distintos procesos selectivos de distintas administracións en próximas datas.
Só servizo bibliotecario para estudantes e opositores
Así a Biblioteca pasa, durante as tres vindeiras fins de semana a ter o mesmo horario que durante a semana (de 9 a 21 horas), pero cómpre facer fincapé en que tanto os sábados pola tarde comprendidos neste período (é dicir, o 31 de maio, 7 e 14 de xuño) como os domingos durante todo o día (1 de xuño, 8 e 15 de xuño) unicamente se abrirá a Biblioteca para estudantes e opositores, é dicir, non se fará uso de préstamos ou de devolucións, senón que exclusivamente se abrirá para facilitarlles o estudo ao alumnado e ás persoas que se estean preparando para participar nun proceso selectivo. A partir do 15 de xuño a Biblioteca terá horario de verán do que se proximamente se informará.
Esta ampliación temporal e extraordinaria de horario responde a unha decisión de goberno adoptada a través da Concellería de Facenda e Réxime Interno e da Concellería de Cultura que é posible grazas á incorporación de novos traballadores municipais a través da bolsa activa de conserxes, que permite o reforzo en verán de determinados servizos que se consideran esenciais por determinadas circunstancias.
Así mesmo desde o goberno avánzase a intención de intentar en vindeiros anos continuar co desenvolvemento desta iniciativa -este é o segundo ano que se desenvolve de xeito consecutivo-, tendo en conta que é un período de aprox. un mes onde tanto o alumnado como os opositores adican maior número de horas ao estudo.