- A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, sinala que estas actuacións gratuítas terán lugar ás 18 horas na Praza da Igrexa e se desenvolven no marco de colaboración coa Rede Galega de Teatros de Auditorios
A programación do Concello de Lalín para o vindeiro mes de xuño ofrece actuacións e espectáculos para público infantil e familiar a través de “Xuño miúdo Lalín”. En total catro espectáculos gratuítos (tres de teatro e un musical) que terán lugar todos os sábados do mes de xuño (7, 14, 21 e 28) ás 18 horas na Praza da Igrexa, agás en caso de mal tempo que se trasladarían ao Auditorio Municipal. Así o avanza a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que indica que se trata dunha programación orientada á nosa cativada e que desenvolvemos no marco da colaboración que temos coa Rede Galega de Teatros e Auditorios.
- 7 de xuño: “Chafallas, a vendedora de fume”
Abre esta programación o espectáculo de teatro a cargo de A Cova das Letras titulado “Chafallas, a vendedora de fume”, dirixido por Cris Collazo. Dirixido a un público infantil conta a historia de Chafallas, que vai de pobo en pobo buscándose a vida, narrando historias e entretendo á xente en troco de comida ou algo de diñeiro. É nómade, vai coa súa casiña ás costas e coma un caracol, leva historias enroscadas. Entende o idioma dos animais, é unha sabia da natureza e sen sabelo, a primeira muller narradora que vive do seu oficio. As noites sen teito non son fáciles e para pasalas enreda coas palabras e a música ata durmir paseniño e que o fermoso son da alborada a esperte.
- 14 de xuño: “Pedro e o lobo” Fantoches Baj
O sábado 14 de xuño será a compañía lalinense Fantoches Baj quen deleite ao público con “Pedro e o lobo” dirixido tamén a un público infantil. O espectáculo trata sobre como os pais de Pedro, incapaces de conseguir que o avó Isolino vaia vivir con eles para a cidade, lle envían nas vacacións ao neto para que coide un pouco del. Para Pedro saír da cidade e ir pasar uns días co seu avó, que vive en Montefurado nun vagón ao pé da vía; significará unha grande aventura. Pero, descoñecedor dos códigos da aldea, meterase en problemas co lobo ao que finalmente, con valor, astucia e a axuda involuntaria dun gato, conseguirá cazar. Finalmente o seu plan de levar o lobo ao zoo da cidade verase desbaratado por Mariola quen o convence da necesidade de respectar os ecosistemas e de ceibar de novo ao lobo na fraga.
A acción transcorre nun contexto ferroviario entre o bosque, onde viven o paporrubio e o lobo; e a estación abandonada de Montefurado, onde viven Antón, o cazador, Mariola e o gato. Nun punto intermedio, nun vagón restaurado como vivenda, vive o avó Isolino coa súa pata. Pedro percorrerá todos estes espazos nunha continua descuberta e nunha relación de ti a ti cos seres da natureza.
Os raís da vía serven para o movemento da escenografía xerando un movemento da paisaxe que recorda ao travelling cinematográfico.
A técnica de monicreques de manipulación a vista permite mesturar os papeis de personaxe, narrador e manipulador conferindo dinamismo a acción e unha relación directa co espectador.
A música de Benxa Otero, feita expresamente para este espectáculo para unha formación de banda sinfónica, axudará ao público a entrar na vida interior de Pedro. O medo, a alegría e a contemplación son tres das emocións máis características desta historia.
- 21 de xuño: “As pitas baixo a choiva”
O 21 de xuño, terceiro sábado do mes, tocaralle a vez a Teatro Ghazafelhos con “As pitas baixo a choiva”, obra para público familiar.
Ludivina e Tereija son dúas pitas que viven no curral da Barreira. Están agardando a visita de Ricardiño, o neno que ven ás veces xogar con elas. Pero temen que ese día choiva, pois cando isto pasa Ricardiño tolea e perségueas ate pechalas no curral... Coa axuda do Galo Chafarís e o raposo Rosende, tentarán que o neno deixe de tolear coa choiva e siga a xogar con elas...
Adaptación do conto de Ricardo Carvalho Calero “As pitas baixo a choiva’, baseada en historias de Xentes da Barreira, O lar de Clara, O país de Erika, Amores Serodios...
- 28 de xuño: “Os ourizos, o musical”
O último sábado do mes de xuño rematará con “Os ourizos, o musical” de Barafunda Teatro, obra de teatro musical de monicreques dirixida a un público familiar e infantil.
A obra trata temas de inclusión, integración, amizade e compañeirismo, todo isto envolto en referencias á cultura galega, ás súas paisaxes e ao ecoloxismo. A música, composta especialmente para o espectáculo, inclúe temas de rock, pop e rap, achegando así á rapazada diferentes xéneros musicais.
Unha historia que fala de como a amizade pode axudar a superar os obstáculos da vida.