- A concelleira de Turismo e Cultura, Begoña Blanco, asinou co presidente da dita asociación, Pablo Romeo Chorén, un convenio no que se recolle esta colaboración
O Concello de Lalín destina 5.000 euros á “Asociación Cultural Bolarqueira” para a realización do IX Noceda Rock, que se celebrará a segunda fin de semana de xuño, o sábado 14 e o domingo 15 de xuño. Así se establece no convenio asinado pola concelleira delegada de Turismo e Cultura, Begoña Blanco, co presidente da dita asociación da parroquia de Noceda, Pablo Romeo Chorén.
Cómpre destacar que a “Asociación Cultural Bolarqueira” desenvolve unha programación de xeito anual de dinamización da parroquia de Noceda, en distintas datas e en distintos espazos, priorizando lugares do medio natural como a contorna da Carballeira de Lamas. Entre as iniciativas que realiza atópanse un ciclo de cinema, andainas, encontros literarios, exposicións de artes, teatro, recollidas de lixo..., pero sen dúbida, unha das actividades máis relevantes e de maior repercusión é o festival de música Noceda Rock.
Nesta novena edición o Concello de Lalín colabora coa achega mencionada de 5.000 euros para a organización do festival que se celebrará na contorna natural conformada pola Carballeira de Lamas e o Rego de Lamas, na que nas súas inmediacións se atopa a Capela de Lamas e cinco muíños conformando así un espazo enmarcado nunha paraxe natural que acolle cada edición a centros de persoas.
O festival non só destaca pola celebración de concertos de música ao vivo nun espazo natural aberto, senón que tamén engloba dúas xornadas con diferentes actuacións e actividades para todos os públicos con entrada de balde e acceso libre.
O cartel desta novena edición do festival inclúe figuras como Sés, Loita Amada, Seitura, Marela, entre outras, ademais de actividades infantís, unha sesión vermú e un xantar popular.