-
Os permisos solicitados fóra das datas regulamentarias non se autorizarán
-
Deberán cumprirse unha serie de normas de seguridade
A concelleira de Medio Ambiente, Raquel Lorenzo Fernández, anuncia que “o vindeiro luns 9 de xuño se abre o prazo para solicitar permiso para realizar as fogueiras de San Xoán, unha petición que poderá cursarse ata o propio día 24 de xuño, inclusive”. A responsable municipal remarca que “é importante cursar a petición no período regulamentario establecido, para poder autorizalas en tempo; fóra desas datas non se dará permiso”.
Lorenzo Fernández sinala que “as persoas interesadas deberán cubrir o correspondente modelo de solicitude que se atopa na sede electrónica do Concello e presentalo de xeito telemático preferentemente ou senón de modo presencial na Concellería de Medio Ambiente”.
Normas de seguridade
-
O volume do material combustible da fogueira non superará os 4 m de diámetro nin os 3 m de altura.
-
A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados será, como mínimo, de 12 metros. Porase especial coidado de non realizalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados produtos inflamables nin zona forestal no redor.
-
Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites, etc. e, en xeral, de calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos; así mesmo coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros.
-
No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados ou asfaltados e pintados, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento e pintura cunha capa de area de 10 centímetros en toda a superficie da fogueira que deberán retirar unha vez finalizada a actividade.
-
Ao finalizar a fogueira e, antes de abandonar o lugar desta, os/as responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.
-
En todos os casos os organizadores serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros.
-
Deberán cumprirse as medidas de seguridade e prevención de incendios.
O ano pasado concedéronse un total de 76 permisos, tanto para a realización de cacharelas en distintos espazos situados no casco e na periferia como nas distintas parroquias.