As entradas para poder asistir ao xantar ao prezo de 20 euros por persoa (gratuíto para nenos e nenas de ata 12 anos) poderanse adquirir, en horario de 9 a 13 horas, na recepción do Concello ata o mércores 30 de xullo, inclusive
O Concello de Lalín celebrará a XXXI Romaría Interxeracional 2025 o domingo 3 de agosto. Así o anuncia a concelleira de Política Social, Carmen Canda, que avanza que este ano terá lugar na orixinaria Carballeira de Barcia, a partir das 12 horas e que continuará ata entrada a tarde. Será unha xornada de encontro, convivencia e agradecemento ás nosas persoas maiores e emigrantes, así como ao matrimonio con máis anos de casados do Concello, explica.
A fin de poder asistir ao xantar, composto por empanada, pulpo con patacas, carne ao caldeiro, sobremesa e café e bebidas, faise preciso retirar as entradas na recepción do Concello de Lalín desde hoxe e ata o mércores, 30 de xullo, inclusive, en horario de 9 a 13 horas. O prezo será de 20 euros por adulto para maiores de 60 anos, agás para os/as menores de 12 anos para os/as que será gratis.
A Romaría dará comezo ás 12 h cunha misa na Carballeira de Barcia. Despois terán lugar os recoñecementos aos asistentes. Distinguiranse á muller e o home con máis idade do Concello de Lalín; aquela muller e aquel home que permaneceron máis anos na emigración e tamén se lle renderá homenaxe ao matrimonio con máis anos de casados no municipio. Tras a entrega de distincións terá lugar o correspondente xantar e ao remate o concurso de baile.