- Con este novo ciclo de actividades, todas gratuítas, con inscrición previa no Museo para as saídas, continúase promocionando Lalín como “Destino Starlight”
- A seguinte actividade, o 25 de xullo, será un roteiro das estrelas en Bermés, terra do Matemático Rodríguez, conducida polo director científico do Lalín Starlight, o profesor José Ángel Docobo, xunto con Carmen Villanueva, Luca Picotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costa e David Area
A astrónoma chilena Camila Caballero ofreceu esta tarde a conferencia “Contraste dos ceos estreados de Chile e Galicia”, actividade coa que se abriu a programación municipal de actividades municipais de “Lalín Destino Turístico Starlight” para este verán 2025 e coas que se segue promocionando Lalín como “Destino Starlight”. Participou na actividade o profesor José Ángel Docobo Durántez, director científico de Lalín Starlight e a concelleira de Turismo, Begoña Blanco.
Caballero, profesora da Facultade de Ciencias Físicas e Matemáticas da Universidade de Chile e experta e investigación na área de astrofísica de estrelas e astrobioloxía, centrou a súa disertación na explicación, en primeiro lugar, das principais diferenzas entre o ceo estrelado do hemisferio sur (de Santiago de Chile, en particular) e o do hemisferio norte (de Lalín ou do outro Santiago, de Compostela). Fixo fincapé en constelacións que só se ven alá, con outras que só se ven aquí e mesmo con constelacións que poden verse en ambas as dúas latitudes.
De seguido realizou un percorrido polo sistema solar lembrándonos características tanto do Sol como da Lúa, as eclipses, os planetas, os planetas ananos, os satélites, cometas, asteroides e meteoroides e amosou dous meteoritos.
Xa na parte final da súa intervención explicou as estrelas dobres, tema que introduciu no seu día Ramón Mª Aller en España e que segue a ser a principal liña de investigación no Observatorio da USC, pero que tamén é o tema de traballo de Camila Caballero en Chile onde utiliza grandes telescopios alá instalados, dos que tamén amosou unha mostra.
Camila Caballero está rematando a súa tese na Universidade de Chile baixo a dirección do profesor René Méndez. Ambos os dous atópanse de visitantes no Observatorio astronómico Ramón Mª Aller da USC, invitados polo profesor Docobo co obxecto de establecer liñas de traballo conxuntas.
Cómpre indicar que estas actividades “Lalín Destino Turístico Starlight” son gratuítas e hai que facer fincapé en que para participar nas saídas hai que inscribirse previamente no Museo (museo@lalin.gal ou chamando ao 986784004).
A vindeira actividade será o 25 de xullo, ás 21 horas, o roteiro das estrelas en Bermés, terra do Matemático Rodríguez. Estará conducida polo profesor Docobo e tomarán parte nela Carmen Villanueva, Luca Piccotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costas e David Area. Para tomar parte nela, como xa se indicou no caso das saídas, requírese inscrición previa no Museo. Para facilitar a asistencia ás persoas participantes sairá un bus de enfronte da estatua de Loriga.
O programa “Lalín Destino Turístico Starlight” continuará o 12 de agosto coa Noite das Perseidas, a partir das 21.30 h, desde o Alto de Rodelas a cargo de Docobo, Luca Piccotti, Ángel Castro, Nerea Puime e David Area. Tamén se precisa de inscrición previa no Museo e sairá o correspondente autobús de diante da estatua de Loriga.
O 20 de agosto terá lugar a charla “Canto tempo lle queda ao Sol?” no Museo ofrecida por Eva Seijas e a continuación unha observación telescópica desde o Observatorio do Museo conducida por Luca Piccotti.
“Destino Turístico Starlight”
Cómpre recordar que o Concello de Lalín obtivo este recoñecemento internacional de calidade turística en abril de 2023, tras un longo proceso para poder acreditar os estándares de calidade requiridos para obter esta distinción, na que se traballou en colaboración co catedrático Docobo, director do Observatorio astronómico da USC, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Alonso e Xabier Pérez Couto.
No verán de 2023 desenvolveuse por vez primeira e cunha gran acollida un ciclo de actividades municipais de promoción deste turismo ligado á contemplación das estrelas para poñer en valor esta distinción que incluíu observacións astronómicas, conferencias e a experiencia “Noite das Perseidas”, observación a simple vista e con telescopio portátil desde a zona cero do Destino Starlight, no Alto de Rodelas.
O 20 de abril de 2024 o Concello de Lalín conmemorou a “Noite Mundial Starlight”, facéndose oco dentro das actividades realizadas por todo o territorio nacional con motivo desa iniciativa en defensa da luz das estrelas co obxectivo de promover a conservación da calidade do ceo nocturno. Celebrouse unha conferencia titulada “O ceo nocturno, un patrimonio esquecido” na que o astrónomo do Observatorio astronómico nacional de Madrid, Pedro Pablo Alonso, falou da importancia de combater a contaminación lumínica, concienciando sobre a importancia de observar o ceo e protexer a calidade do mesmo.
Tamén en verán de 2024 o Concello desenvolveu un variado programa de actividades Starlight como un monográfico sobre a lúa a cargo de Xabier P. Couto; unha proxección de fotos con telescopio a cargo do experto en fotografía astronómica, Francisco Javier Cerdán, entre outras.
Lalín é un dos sete destinos Starlight que actualmente existen en Galicia xa que contan con esta distinción: o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia; A Costa da Morte; Trevinca; Muras; a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá.