• O Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, pretenden facilitar as necesidades de conciliación, respiro familiar e envellecemento activo
• Co programa está previsto crear espazos de esparexemento dirixidos a persoas maiores de 55 anos
• A veciñanza que desexe asistir deberán anotarse no Rexistro do Concello de Lalín
• Con esta iniciativa mellorarase tanto a calidade de vida das persoas usuarias como das familias na que terán cabida 250 persoas, 25 por local social.
A concelleira de Política Social Carmen Canda, informa da apertura do prazo de inscrición para o programa “Lalín Activa” a partir do luns día 14 de xullo.
Este programa ten como obxectivos principais:
- Realizar un diagnóstico tanto a nivel individual como grupal, da situación e das necesidades respecto do tema do ocio das persoas maiores de 55 anos usuarias do programa.
- Incrementar a motivación para o emprego dun ocio creativo das ditas persoas maiores tendo en conta as súas capacidades, o momento vital no que se encontran e respectando o ritmo de cambio de cada unha delas.
- Intentar acadar a mellora psicofísica da persoa maior a partir das diversas actividades de animación para achegarlles estas sesións do programa como un espazo no que compaxinar aprendizaxe, creación e diversión. Un espazo que vai máis aló do mero “pasatempo” que pretende converterse en motivo de crecemento, expresión persoal e encontro con outros.
- Potenciar as capacidades dos/as usuarios/as para detectar e tomar coñecemento do positivo das pequenas cousas da vida cotiá, das actividades en familia ou das relacións interpersoais e descubrir actividades posibles e sinxelas a realizar de forma planificada.
- Desenvolver a dimensión social do ocio estimulando a participación no entorno comunitario máis próximo mediante o fomento de actividades de carácter participativo e de relación, de forma que se favorezan as relacións interpersoais en ambientes fóra do entorno habitual, dentro do fogar, así como encontros interxeracionais.
As actividades que poderán desenvolverse son: estimulación cognitiva, estimulación sensorial, dinámicas grupais como grupos de reminiscencia, grupos de actualidade e debates, actividades de psicomotricidade, xogos de lóxica e de palabras, manualidades e distintos obradoiros para manter as habilidades e adquirilas, apoio psicolóxico e motivación, etc. Deste xeito, tamén se promoven hábitos e pautas que contribúen a un envellecemento saudable.
O programa poderá ofrecer servizo a 250 usuarios en 10 locais no que o horario do persoal será partido en dúas sesións para levar a cabo o servizo en dúas parroquias cada día de 9:30 a 13:15 horas e de 16:30 a 20:15 horas de luns a venres. Estímase que como beneficiarios directos e indirectos desta medida de conciliación haxa aproximadamente 500 veciños/as. Levarase a cabo nos locais de Donramiro os luns de 9:30 a 13:15, en Goiás os luns de 16:30 a 20:15, en A Xesta os martes de 9:30 a 13:15, Prado os martes de 16:30 a 20:15, Muimenta os mércores de 9:30 a 13:15, en Cercio os mércores de 16:30 a 20:15, Catasós os xoves de 9:30 a 13:15, Botos de 16:30 a 20:15, Gresande os venres de 9:30 a 13:15 e Soutolongo os venres de 16:30 a 20:15.
Como requisito é estar empadroados no Concello de Lalín. A veciñanza que desexe asistir deberán anotarse presencialmente no Rexistro do Concello de Lalín.
O programa está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento do Programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2025.
O Concello de Lalín recibirá da Consellería de Política Social 75.000 € para o financiamento do programa “Lalín Activa” para este ano 2025 e de achega municipal 9.000 €, tendo como finalidade ofertar un amplo programa de actividades de envellecemento activo e de conciliación e respiro familiar.
Existen moitas persoas maiores do Concello que teñen dificultades para afrontar os problemas propios da idade, participar no tempo de ocio, desfrutar das actividades cotiás e ocupar o tempo libre de xeito satisfactorio. Esta situación pode levar consigo un risco de progresivo illamento social e unha dificultade de conciliación familiar e laboral dos seus familiares, por iso, vanse poñer en marcha actividades nas que se ocupen e melloren as necesidades individuais de cada persoa usuaria