Hoxe 15 de xullo, na memoria de Rosalía
Hoxe, desde Lalín, no corazón do interior galego, lembramos a Rosalía de Castro no aniversario do seu pasamento no 1885.
Nunha paisaxe coma a nosa, do rural vivo e fondamente galego, naceu a súa poesía: feita coa lingua do pobo, coas mans da terra, co da emigración e co amor pola paisaxe.
Airiños, airiños aires,
airiños da miña terra;
airiños, leváime a ela.
Rosalía fixo do territorio un símbolo. O que aquí vemos cada día —as leiras, os montes, os camiños entre muros de pedra— foi para ela patria e poesía.
A súa obra axúdanos a recoñecer o valor dun sentir propio e identitario. A súa poesía é testemuña do vínculo indisoluble entre o pobo galego e a súa paisaxe. E lémbranos por que é tan importante conservar o noso patrimonio material e inmaterial.
Observamos por tanto a fonda relación da obra de Rosalía coa natureza, a paisaxe e a identidade galega. E por ese motivo dende o Concello de Lalín decidimos, en colaboración co persoal do Campamento Verde, achegar a obra de Rosalía á cativada, a través dunha actividade lúdica sobre a súa obra.
Os nenos e nenas participaron dun xogo de pistas sobre a vida e os poemas de Rosalía de Castro, e finalizaron recitando os seus versos e cunha proposta plástica en plena natureza, na Carballeira do Rodo.