- A contía das axudas será por importe único de 100 euros por alumno/a matriculado/a
- O prazo de presentación de solicitudes abrirase proximamente, unha vez que se publique no BOPPO a convocatoria de bases e extracto de bases. A partir de que se publique o extracto de bases poderanse solicitar desde o día seguinte e por período de vinte días naturais
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a convocatoria de bolsas complementarias ao estudo para alumnos/as de centros docentes do Concello de Lalín para o vindeiro curso 2025-2026, ás que o goberno destina un investimento total de 30.000 euros.
Esta orde de axudas está destinada a familias empadroadas no Concello de Lalín e integradas por alumnado matriculado, durante o curso escolar 2025-2026, en centros docentes públicos e privados concertados no municipio para o acceso ao materia escolar, deportivo, calzado e roupa.
Cómpre indicar que o prazo pa poder presentar estas axudas abrirase proximamente: primeiramente terá que publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) a convocatoria de bases e tamén o extracto de bases. O prazo de presentación será de 20 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto de bases no BOPPO.
A concelleira de Política Social, Carmen Canda, sinala que “a tipoloxía de axudas ao abeiro desta convocatoria inclúe: libros de texto, materia escolar funxible (cadernos, folios, cortes, lapis, bolígrafos, carpetas, tinta de impresora...), materia complementario (compás, estoxo, regras, mochilas, libros de lectura, memoria usb...), material deportivo (chándal, tenis, camisetas, calcetíns...), roupa de abrigo e calzado. A contía das bolsas será por un importe único de 100 euros por alumno/a matriculado/a.
As ensinanzas ás que se dirixe este programa son: segundo ciclo de Educación Infantil; Educación Primaria; Educación Secundaria Obrigatoria e ciclos formativos de grao básico.
A finalidade destas axudas é facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e compensar a aquelas familias que polas súas condicións económicas presenten maiores dificultades para afrontar os gastos derivados da escolarización dos/das seus/súas fillos/as, promovendo así accións que contribúan ao benestar social, paliando as diferenzas sociais e os riscos de exclusión social e favorecendo a integración das nenos e nenos no sistema educativo.
A Xunta de Goberno Local resolverá o expediente de concesión de bolsas, previo informe da intervención municipal. O prazo máximo para resolver e notifica a resolución do procedemento non poderá exceder dos 6 meses contados desde a data do acordo de aprobación de bases.