- As representantes municipais confían en que a Banda de Vilatuxe deixará alto o nome musical de Lalín coa súa participación no evento musical para bandas máis importante do mundo
A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, e a concelleira de zona, Raquel Lorenzo, desprazáronse na tarde-noite de onte ao auditorio de Vilatuxe a acompañar á Banda de Vilatuxe no seu último ensaio antes de partir a participar no prestixioso Certame Internacional de Bandas de Música (CIMB) “Ciudad de Valencia” que se desenvolverá entre os días 16 e 20 de xullo no Palau da Música, e que celebra a súa 137ª edición.
As representantes municipais indican que “quixemos facerlle esta visita porque estamos orgullosos da Banda, da súa traxectoria e evolución, para amosarlle o noso apoio desde o Concello, igual que a Xunta, á súa participación no Certame Internacional de Valencia e desexarlle moita sorte no festival, onde a bo seguro han deixar alto o nome musical de Vilatuxe e de Lalín”.
Cómpre destacar que o Concello de Lalín mantén un apoio decidido ás bandas do municipio e un dos proxectos que está enriba da mesa con respecto á Banda de Música de Vilatuxe é a ampliación do auditorio.
En total serán máis de 100 músicos os da Banda de Música de Vilatuxe que, baixo a batuta do seu director Víctor Vilariño, tomarán parte no CIMB de Valencia, para o que levan tempo traballando duramente. A actuación da Banda de Vilatuxe no marco deste destacado festival será o sábado 19 a partir das 13.20 horas e poderá seguir por streaming: https://www.youtube.com/live/MK15LybSKuU?si=kTKfKWVRXtWylNHP
O CIMB “Ciudad de Valencia” é o evento musical para bandas máis importantes do mundo, no que cada ano, ao longo deste máis de 130 de historia, compiten agrupacións dos cinco continentes.