- A concelleira de Cultura convocou a un numeroso grupo de artistas de Lalín no Museo Municipal para tratar acerca desta nova iniciativa que tivo unha resposta moi boa
- A mostra será ao aire libre, sempre que acompañe o tempo, e previsiblemente o sábado e domingo das Festas
- Poden incorporarse máis artistas no caso de estar interesados en participar contactando co persoal do Museo Municipal
- Coa Mostra de Arte de Lalín trátase de darlle visibilidade aos creadores locais, achegando á obra á veciñanza e visitantes en días de máxima afluencia de persoas en Lalín e de dinamizar a vila con actividades no eido cultural durante os días festivos
O luns 14 de xullo a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, convocou a un numeroso grupo de artistas de Lalín no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa, co obxectivo de manter unha xuntanza para tratar acerca dunha nova iniciativa local. Trátase da Mostra de Arte de Lalín, que ten previsto realizarse durante as festas patronais das Dores.
Begoña Blanco indica que “desde o Concello considerouse crear esta iniciativa co obxectivo de favorecer a visibilidade dos creadores locais, permitíndolles achegar a súa obra ao conxunto da poboación local e dos visitantes, nuns días de máxima afluencia de persoas en Lalín”. A maiores, describiu que se busca dinamizar a vila con actividades no eido cultural durante os días festivos.
Blanco explica que “a resposta dos artistas foi moi boa, asistindo ao encontro máis de media ducia de creadores, á vez que moitas persoas convidadas que non puideron acudir trasladaron que están interesadas en participar no evento”.
O formato da mostra foi definido durante á reunión, escoitando as achegas das persoas involucradas. Finalmente realizarase ao aire libre, nunha das rúas máis céntricas de Lalín, dispoñendo o Concello os medios auxiliares necesarios para o desenvolvemento da actividade. Cada artista poderá nomear o seu posto cun lema que identifique o seu proxecto plástico e estarán nos seus postos durante o transcurso da mostra para poder comentar a súas obras co público.
Así mesmo concretouse o horario, o funcionamento, e os días seleccionados que serán previsiblemente o sábado (20) e o domingo (21 de setembro) das Festas das Dores. Fixouse ademais unha segunda opción no caso de que as condicións climáticas non sexan favorables. Igualmente estableceuse que poden irse incorporando máis artistas no caso de estar interesados en participar, contactando co persoal do Museo Municipal (986784004 ou museo@lalin.gal).
Nesta primeira xuntanza que tivo lugar o pasado luns participaron Aitana Fernández, Noa Blanco, Olalla Garra, Sé Senande, Ana Dobarro, Carlos Santos, Armindo Salgueiro e Paío. Así mesmo Noelia A Ferreira, Xulia Ferradás e María Ferradás, tamén comunicaron que estaban interesadas.