- O percorrido estivo guiado polo director científico de Lalín Starlight, José Ángel Docobo, xunto coa autora da tese sobre o Matemático Rodríguez, Carmen Villanueva; o cronista oficial de Lalín Daniel González Alén, e os investigadores Luca Piccotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costas e David Area
- Os participantes na expedición visitaron Fonte Castiñeroa, a casa familiar do Matemático Rodríguez, o campo da festa de Bermés onde hai un busto del, a igrexa parroquial e tomaron parte nunha visualización de estrelas a simple vista
- A seguinte actividade será o 12 de agosto, a Noite das Perseidas, a partir das 21.30 h desde o Alto de Rodelas, actividade gratuíta para a que se precisa inscrición previa no Museo Municipal
- Con cada nova actividade demóstrase a gran acollida do programa promocional de Lalín Destino Turístico Starlight que vai polo seu terceiro ano e que continúa en agosto
Máis dun cento de persoas participaron na noite de onte, 25 de xullo, Día de Galicia, no Roteiro das Estrelas en Bermés, o que supuxo un novo gran éxito de participación das actividades de Lalín Destino Turístico Starlight. Inicialmente o número de participantes prevíase nuns cincuenta para o que o Concello puxo un autobús para facilitar o seu desprazamento desde Lalín ata o lugar do roteiro, pero debido ao gran número de inscricións habilitou un segundo autobús. En total foron máis de cen persoas as que tomaron parte nesta expedición na que coñeceron lugares emblemáticos ao primeiro científico galego, o Matemático Rodríguez, entre as persoas que se desprazaron nos dous autobuses que puxo o Concello e particulares que se achegaron cos seus vehículos. O director científico de Lalín Starlight, José Ángel Docobo, indicou que a cifra tería chegado a cento vinte participantes.
A expedición estivo guiada polo director científico de Lalín Starlight, José Ángel Docobo, xunto coa autora da tese sobre o Matemático Rodríguez, Carmen Villanueva; o cronista oficial de Lalín Daniel González Alén, e os investigadores Luca Piccotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costas e David Area.
O percorrido iniciouse coas explicacións de Docobo en Fonte Castiñeroa (O Vento), lugar onde o Matemático Rodríguez situou o centro de Galicia, para despois visitar a casa natal de José Rodríguez González (Bermés do Fondo) que foi posible vela grazas á colaboración da familia que se dispuxo a abrila. As explicacións sobre a casa natal estiveron a cargo de Carmen Villanueva, investigadora e autora dunha recente tese sobre o Matemático Rodríguez.
Posteriormente visitaron a estatua de Rodríguez (campo da festa de Bermés) e a igrexa de Bermés onde fora bautizado, puntos onde as explicacións foron ofrecidas por Daniel González Alén. O roteiro rematou cunha observación astronómica a simple vista desde o campiño (lugara próximo á igrexa) dirixida por Docobo, coa colaboración dos investigadores Luca Piccotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costas e David Area.
Entre o máis dun cento de persoas que tomaron parte no Roteiro atopábase o alcalde de Lalín, José Crespo; o concelleiro Miguel Medela; Manuel Guerreiro (experto en aeronáutica e membro da Comisión Loriga); o fotoxornalista Manolo Seixas; representantes das Comunidade de Montes de Bermés e veciños e xente chegada de distintos lugares nos seus coches.
Docobo repartiu aos asistentes, ao comezo do roteiro, unha folla explicativa cos lugares a visitar e cunha síntese dos principais fitos da traxectoria de José Rodríguez González, ao que o Concello de Lalín en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencia (RAGC), a Xunta de Galicia e outras institucións vén de honrar no 2024 con diversos actos polo seu bicentenario do seu falecemento.
Tras esta interesante experiencia astronómica-cultural de algo máis de dúas horas, o programa de actividades de Lalín Destino Starlight continúan en agosto, o martes 12 de agosto coa Noite das Perseidas, a partir das 21.30 h, desde o Alto de Rodelas a cargo de Docobo, Luca Piccotti, Ángel Castro, Nerea Puime e David Area. A actividade é gratuíta e tamén se precisa de inscrición previa no Museo Municipal (museo@lalin.gal ou 986784004). Sairá o correspondente autobús de diante da estatua de Loriga.
Deste xeito o Concello de Lalín continúa as súas actividades de “Lalín Destino Starlight” para este verán 2025, que se iniciou o 9 de xullo coa conferencia da astrónoma chilena Camila Caballero: “Contraste dos ceos estrelados de Chile e Galicia”.
O 20 de agosto terá lugar a charla “Canto tempo lle queda ao Sol?” no Museo ofrecida por Eva Seijas e a continuación unha observación telescópica desde o Observatorio do Museo conducida por Luca Piccotti.
“Destino Turístico Starlight”
Cómpre recordar que o Concello de Lalín obtivo este recoñecemento internacional de calidade turística en abril de 2023, tras un longo proceso para poder acreditar os estándares de calidade requiridos para obter esta distinción, na que se traballou en colaboración co catedrático Docobo, director do Observatorio astronómico da USC, así como do seu equipo conformado por Pedro Pablo Alonso e Xabier Pérez Couto.
No verán de 2023 desenvolveuse por vez primeira e cunha gran acollida un ciclo de actividades municipais de promoción deste turismo ligado á contemplación das estrelas para poñer en valor esta distinción que incluíu observacións astronómicas, conferencias e a experiencia “Noite das Perseidas”, observación a simple vista e con telescopio portátil desde a zona cero do Destino Starlight, no Alto de Rodelas.
O 20 de abril de 2024 o Concello de Lalín conmemorou a “Noite Mundial Starlight”, facéndose oco dentro das actividades realizadas por todo o territorio nacional con motivo desa iniciativa en defensa da luz das estrelas co obxectivo de promover a conservación da calidade do ceo nocturno. Celebrouse unha conferencia titulada “O ceo nocturno, un patrimonio esquecido” na que o astrónomo do Observatorio astronómico nacional de Madrid, Pedro Pablo Alonso, falou da importancia de combater a contaminación lumínica, concienciando sobre a importancia de observar o ceo e protexer a calidade do mesmo.
Tamén en verán de 2024 o Concello desenvolveu un variado programa de actividades Starlight como un monográfico sobre a lúa a cargo de Xabier P. Couto; unha proxección de fotos con telescopio a cargo do experto en fotografía astronómica, Francisco Javier Cerdán, entre outras.
Lalín é un dos sete destinos Starlight que actualmente existen en Galicia xa que contan con esta distinción: o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia; A Costa da Morte; Trevinca; Muras; a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá.
*Foto de todos os participantes no Roteiro, diante da casa natal do Matemático Rodríguez