• O Concello de Lalín e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, pretenden facilitar as necesidades de conciliación e respiro familiar
• Co programa está previsto crear espazos de esparexemento dirixidos a persoas maiores a fin de promover un envellecemento saudable
• Con esta iniciativa mellorarase tanto a calidade de vida das persoas usuarias como das familias e estímase que terá un alcance beneficioso para máis de 500 lalinenses tanto directa como indirectamente
A concelleira de Envellecemento Activo, Carmen Canda, informa do comezo do Programa Lalín Activa no local social de Donramiro. A programación nos locais sociais será: en Donramiro os luns de 9:30 a 13:15, en Goiás os luns de 16:30 a 20:15, os martes en A Xesta de 9:30 a 13:15, en Prado os martes de 16:30 a 20:15, Muimenta os mércores de 9:30 a 13:15, en Cercio os mércores de 16:30 a 20:15, en Catasós os xoves de 9:30 a 13:15, Botos os xoves de 16:30 a 20:15, en Gresande os venres de 9:30 a 13:15 e en Soutolongo os venres de 16:30 a 20:15.
Este programa ten como obxectivo principal proporcionar e fomentar ás familias coidadoras de persoas un espazo onde realizar actividades, dado que moitas das que conviven coas súas familias pasan moito tempo en soidade debido ás responsabilidades laborais que teñen as persoas encargadas dos seus coidados, permitindo ao tempo a estas últimas poder gozar de tempo libre e conciliación e respiro familiar.
Os obxectivos que se pretenden conseguir co programa son implementar formacións e actividades para a autosuficiencia e autoestima, fomentar a estimulación cognitiva, favorecer o ocio e as relacións interpersoais, crear o hábito de levar a cabo sesións de ximnasia e rehabilitación física, avaliación continua das capacidades cognitivas das persoas participantes e realizar un diagnóstico cognitivo a nivel individual da situación e das necesidades das persoas.
As actividades que poderán desenvolverse son: estimulación cognitiva, estimulación sensorial e musical, dinámicas grupais como grupos de actualidade e debates, actividades de psicomotricidade, manualidades, autocoidados e benestar, hábitos saudables, tempo de lecer, etc. Deste xeito, tamén se promoven hábitos e pautas que contribúen a un envellecemento saudable.
O programa poderá ofrecer servizo a 250 usuarios en 10 locais no que o horario do persoal será partido en dúas sesións para levar a cabo o servizo en dúas parroquias cada día de 9:30 a 13:15 horas e de 16:30 - 20:15 horas de luns a venres. Estímase que como beneficiarios directos e indirectos desta medida de conciliación haxa aproximadamente 500 veciños/as. Levarase a cabo nos locais de Botos, Cercio, Donramiro, Goiás, Muimenta, Prado, Vilatuxe, Soutolongo e no Espazo Activo de Lalín.
Como requisito é estar empadroados no Concello de Lalín. A veciñanza que desexe asistir deberán recoller a solicitude na recepción do Concello e rexistrala no Rexistro.
O programa está financiado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, tras o sinatura do convenio de colaboración entre a dita Consellería e o Concello de Lalín para o financiamento do Programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2025.
O Concello de Lalín recibirá da Consellería de Política Social 75.000 € e cunha aportación municipal de 9.000 € para o financiamento do programa “Lalín Activa” para este ano 2025, así como doutras actividades financiadas por dito convenio e que ten como finalidade ofertar un amplo programa de actividades de envellecemento activo e de conciliación e respiro familiar.
Existen moitas persoas maiores do Concello que teñen dificultades para afrontar os problemas propios da idade, participar no tempo de ocio, desfrutar das actividades cotiás e ocupar o tempo libre de xeito satisfactorio. Esta situación pode levar consigo un risco de progresivo illamento social e unha dificultade de conciliación familiar e laboral dos seus familiares, por iso, vanse poñer en marcha actividades nas que se ocupen e melloren as necesidades individuais de cada persoa usuaria.