- Ata o de agora este operativo está permitindo chegar dos primeiros aos focos nos que se require a nosa colaboración
- Comunicamos hai xa dúas semanas aos pedáneos das parroquias e ás comisións de festas as recomendacións e obrigas mentres permaneza esta situación
- Tamén se entendeu que o voluntariado de Protección Civil podía ter un papel importante e de aí que se activara a súa participación
O concelleiro de Seguridade Cidadá e responsable de Protección Civil e Policía Local, Pablo Areán, que estivo a pé de operativo, informa que desde o inicio da tempada de risco de incendios, o Concello de Lalín ten activado o dispositivo de emerxencias: Protección Civil, GES, Policía Local, Agrupación Voluntaria de Protección Civil (AVPC) e a Brigada Municipal de Lalín. Desde o primeiro momento os equipos estiveron atentos e dispostos a actuar nos incendios que foron xurdindo no noso concello e concellos limítrofes, subliña.
Deste xeito, nos dous incendios máis significativos na nosa contorna, Dozón e Agolada, os nosos equipos tiveron unha participación destacable sendo dos primeiros en chegar e actuar in situ, colaborando tanto con achegas de persoal como de material e maquinaria, afirma.
No incendio do Concello de Dozón, que comezou o 12 de agosto, colaboramos coa achega de catro camións motobomba e un todoterreo, persoal do GES, de Protección Civil e a Brigada Municipal contra incendios. Actuaron desde o primeiro momento e permaneceron realizando labores de extinción ata elevadas horas da noite e volveron en días sucesivos para arrefriar a zona e para extinguir pequenos rebrotes que foron aparecendo, explica.
No incendio do Concello de Agolada tamén se tivo presenza desde os inicios, é dicir, desde o 15 de agosto, e achegáronse dous camións motobomba, dous todoterreos e participaron persoal do GES, Protección Civil, Brigada Municipal e así mesmo tivo unha participación destacada a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil en labores de axuda loxística, vixilancia da zona perimetral, axuda na extinción de pequenos focos e tamén apoio ás necesidades dos veciños ata altas horas da madrugada. Neste lume tamén houbo que arrefriar os rebrotes polo que os equipos se desprazaron en días posteriores, de xeito sucesivo, para realizar estes labores.
A Brigada Municipal tamén actuou nos incendios dos municipios veciños producidos en:
- 15/07 incendio en Maceira, Dozón
- 28/07 incendio O Salto, Rodeiro
- 29/07 incendio Artoño, Agolada
- 03/08 incendio Berredo, Agolada
- 03/08 incendio Dúas Igrexas, Forcarei
- 03/08 incendio Siador, Silleda
- 08/08 incendio Diz, Dozón
- 09/08 revisar lume Diz, Dozón
- 09/08 alarma Piñeiro, Silleda
- 10/08 vixilancia ao Alto do Candán
- 10/08 incendio O Souto, A Estrada
- 19/08 lume en Vidueiros, Dozón
No noso Concello, os equipos participaron nos incendios de Val do Boi e Vilatuxe, que foron os de maior envergadura, e noutros focos menores.
PAPEL VOLUNTARIOS NOS INCENDIOS
Pablo Areán fai fincapé en que se incorporaron, interrompendo o seu período vacacional ou días libres, os traballadores dos equipos de Emerxencias que se precisaron en cada un dos operativos despregados. Quero subliñar tamén que puxemos en marcha unha nova de vía de actuación a través dos voluntarios de Protección Civil co obxectivo de botar unha man en labores loxísticos poñéndose a disposición dos postos de mando respectivos. O seu traballo está sendo moi importante no avituallamento, sinalización de vías, vixilancia dos perímetros, axuda na extinción de pequenos focos, apoio e acompañamento aos veciños afectados, así como resolución de todo tipo de necesidades que van xurdindo nestas situacións.
Estamos vendo que este traballo realizado polo voluntariado é importante e útil e por esta razón vimos de activar o programa de coordinación da solidariedade da veciñanza cos afectados polos incendios, que vemos que ten moi recorrido de facerse extensivo a outro tipo de operativos en futuras emerxencias.
RECOMENDACIÓNS E OBRIGAS ANTE O RISCO DE INCENDIOS
Debido ao elevado risco de incendios nas últimas semanas, e aínda que o índice de risco diario de incendios (IRDI) mellorou algo nas últimas horas, facemos fincapé nas seguintes recomendacións e obrigas mentres non cambien as condicións actuais, tal e como xa foi comunicado aos pedáneos das parroquias e comisións de festas hai dúas semanas:
- Mantense a suspensión de tirada de fogos de artificio e de calquera outra actividade pirotécnica.
- Continúa a suspensión de realizar barbacoas, queimas ou de acender calquera tipo de lume no exterior.
- Recoméndase reducir ao mínimo posible os traballos con maquinaria que poidan xerar chispas: se é posible, convén aprazalos para outro momento, e de considerarse oportuna a súa realización será imprescindible extremar as medidas de seguridade e dispor de medios de extinción á man.
- Por suposto, insístese na prohibición de tirar cabichas ou lixo no monte.
- Moita precaución ante calquera actividade que poida supoñer calquera risco.
- Ante calquera situación de indicio de lume ou comportamento sospeitoso debe chamarse ao 085 ou ao 112.