- Carmen Canda remarca a importancia de fomentar os hábitos saudables e o envellecemento activo
A concelleira de Envellecemento Activo, Carmen Canda, anuncia para o luns, 1 de setembro, o comezo da actividade de musicoterapia para maiores de 60 anos, dentro do convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia para o financiamento do Programa de Respiro Familiar “Lalín Activa” para o exercicio 2025. Este programa ten como finalidade crear espazos de esparexemento dirixidos a persoas maiores co fin de fomentar o envellecemento activo da poboación lalinense.
Haberá 3 grupos, de 22 persoas cada un, en horario de 15:30 a 16:15, de 16:20 a 17:05 e de 17:10 a 17:55 todos os luns e mércores no Lalín Arena.
Con esta actividade preténdese axudar a envellecer de forma máis activa, mellorar a saúde da nosa poboación e é un espazo que nace como instrumento normalizador e facilitador da activación social, mediante o deseño de actuacións orientadas a desenvolver habilidades sociais e socialización, aprendizaxe das técnicas levadas a cabo nas aulas para logo poder levar esas aprendizaxes ás nosas casas, fomenta a saúde, a autonomía persoal e a independencia das persoas maiores entre outras cousas. Ademais, procura permitir ás persoas espremer todo o potencial físico, mental e social ao máximo durante a súa vida.
A pesar dos numerosos beneficios que ten a musicoterapia para a saúde da poboación, tamén hai que ter en conta a multitude de beneficios sociais que conleva. A inclusión das persoas maiores na sociedade, a creación dun espazo de ocio e tempo libre, avaliación continua das melloras ou mantementos da saúde, a procura da erradicación da xerontofobia, etc. Son fenómenos a ter en conta nestes tempos de avances e aumento da esperanza de vida da nosa poboación.
Fomenta, tamén, estabelecemento de rutinas, favorecendo o ocio e as relacións interpersoais, creación de bos hábitos de exercicio físico e correctas mobilizacións, aumentando ou mantendo as capacidades das persoas usuarias, fomentando a autosuficiencia e a autoestima.