- O vindeiro mes lerán unha proposta de literatura galega como é “Granito” de Álex Alonso, galardoada ex aequo co Premio Torrente Ballester. Foi o libro elixido entre as participantes pola vinculación cos viñedos e en relación a unha próxima saída que se está a organizar na que visitarán unha adega e a Fundación Manolo Paz a finais de setembro
Esta tarde, ás 20 h, no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero terá lugar unha nova reunión mensual do club de lectura para persoas adultas,que reúne unha vintena de lectoras arredor da literatura como espazo de reflexión compartida.
Na xornada de hoxe o libro que comentarán é “Canto yo y la montaña baila” de Irene Solá, que fora o máis votado entre os propostos polas participantes do grupo de lectoras.
Con este título, cámbiase de rexistro ao tratarse dunha obra de prosa poética, que presenta unha narración oral desde múltiples voces, incluíndo elementos naturais como o raio, o corzo e os cogomelos, así como os habitantes dun pobo dos Pirineos. A obras mestura o lirismo, o realismo máximo e o folclore local para contar unha historia sobre a vida, a morte a profunda conexión entre o ser humano e a paisaxe montañosa, construíndo un universo onde o natural e o máxico se funde. A novela foi galardoada co Premi Llibres Anagrama 2019 e o European Union Prize for Literature , consolidándoa como unha obra mestra da literatura contemporánea.
Ademais, na xuntanza entregarase o próximo exemplar para a lectura, neste caso de literatura galega, sendo seleccionado o libro “Granito”, de Álex Alonso, co que logrou ex aequo o Premio Torrente Ballester.
Este libro foi escollido entre as participantes por riba de “A lúa da colleita”, de Anxos Sumai. Ambos títulos estaban propostos pola vinculación cos viñedos, e en relación a unha próxima saída que se está a organizar dende o club de lectura, no que visitarán unha adega e a Fundación Manolo Paz a finais de setembro.