•Trátase dun detalle de benvida para os recén nados e as súas familias, consistente nunha serie de artigos en especie con produtos básicos para os/as novos/as lalinenses
O concelleiro de Política Social e Infancia, Avelino Souto e a concelleira de Sanidade e Deportes, Noelia Seijas, e o concelleiro de Agricultura, Marcos Mariño, entregaron as cestas de benvida á natalidade á 8 familias lalinenses, sendo 5 nenas e 3 nenos beneficiarios/as, na que é a segunda remesa deste ano 2025. Estas cestas están compostas por varios produtos básicos para o coidado dos recén nacidos e como recibimento que o Concello fai por estes novos lalinenses.
As familias beneficiarias son de:
- Lalín centro: 4
- Soutolongo: 1
- A Penela: 1
- Vilatuxe: 1
- Filgueira: 1
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante todo o ano 2025. Para aqueles nacementos, adopcións ou constitucións de tutela que se produzan no mes de decembro de 2025, o prazo estará aberto ata o 20 de xaneiro de 2026.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios/as destas axudas aquelas persoas que sexan proxenitoras dunha crianza nacida entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro de 2025; adoptantes ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos dun/dunha menor, sempre que a constitución da adopción ou a declaración de garda con fins adoptivos teña lugar entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro de 2025; ou que sexan titores/as dun/dunha menor, sempre que a constitución da tutela se faga entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de decembro de 2025.
Requisitos
Todas as persoas integrantes da unidade familiar deben figurar empadroadas no Concello de Lalín no momento da presentación da solicitude e permanecer empadroadas durante os dous anos seguintes á concesión da axudas. Este requisito será comprobado de oficio polo órgano instrutor do procedemento e o seu incumprimento dará lugar ao reintegro da axuda percibida.
Na primeira quenda deste ano entregáronse 8 cestas a 7 familias lalinenses, das que resultaron beneficiarias 8 crianzas, todas eles residentes no casco urbano agás unha residente na parroquia de Bendoiro.